Ence inviste sete millóns en melloras na súa parada técnica

A empresa di que priorizou a seguridade das persoas cun esixente protocolo anti-covid
Instalaciones de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA
photo_camera Instalaciones de Ence en Lourizán. RAFA FARIÑA

A factoría Ence renovou a súa actividade habitual tras executar, dende o pasado 6 de xullo, a súa parada técnica anual. O proceso de mellora e mantemento das instalacións precisou de investimentos por valor de 7,5 millóns de euros, e no mesmo, tal e como indica a empresa, "priorizouse a seguridade de todas as persoas que tomaron parte nos traballos".

A pesar de tratarse dunha parada singular debido á situación orixinada tras a crise sanitaria, a compañía asegura que logrou manter "os excelentes niveis de seguridade conseguidos durante os últimos anos". Isto débese, en gran medida, ao "esixente protocolo de seguridade que se mantivo durante todo o proceso de mellora". A fin de garantir as condicións óptimas de seguridade e minimizar o risco de contaxio, a fábrica dividiuse en 11 sectores de traballo, illados uns dos outros.

Igualmente, desde a empresa informan de que para poder acceder ao recinto industrial, era preciso someterse á proba de detección da covid-19, así como superar unha actividade formativa específica sobre o protocolo de prevención implantado, baixo a modalidade online e demostrar o coñecemento mediante un test. Entre o resto de medidas desenvolvidas, destacar a toma de temperatura corporal en todos os accesos, o uso obrigatorio de máscara, a identificación do persoal mediante brazaletes asignados a cada sector, a distancia entre persoas e desinfección constante das zonas de traballo, tanto en espazos interiores coma exteriores.

NOVAS TECNOLOXÍAS. Durante a parada técnica anual, a planta someteuse a un exhaustivo programa de melloras para incorporar novas tecnoloxías, co obxectivo de seguir reforzando a súa excelencia ambiental, así como a súa eficiencia e fiabilidade.

No medio da actual crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus, desde a factoría insístese en que Ence "aposta decididamente por investir e crear actividade na comarca de Pontevedra". Por esta razón, continúan desde a factoría, "gran cantidade das empresas auxiliares que traballaron durante a parada técnica son galegas, ás que hai que sumar outros servizos como o aloxamento ou manutención dos traballadores, prestados por negocios da contorna da cidade".

Comentarios