Ence volve mellorar os seus resultados ambientais en 2017 e reduce o seu efluente un 10%

O parámetro máis importante, a Demanda Química de Osíxeno, rebaixou nun 48% a normativa europea de mellores prácticas

Parte do complexo industrial situado en Lourizán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Ence
photo_camera Parte do complexo industrial situado en Lourizán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A fábrica de Ence Energía y Celulosa na cidade volveu mellorar, un ano máis, os seus resultados ambientais. De feito, todos os parámetros que caracterizan o efluente da planta melloraron os seus resultados, entre os que cabe destacar a redución nun 13% da DQO (Demanda Química de Osíxeno) -principal medida da calidade do efluente-, que se situou en 3,65 kg/tonelada.

Este dato revela que a planta Lourizán mellora nun 48% o límite marcado pola súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), que o sitúa en 7 kg/tonelada, así como a normativa europea BREF de mellores prácticas ambientais do sector, que establece un rango de 7 a 20 kg/tonelada para as mellores fábricas do sector da celulosa.

Doutra banda, hai que destacar que a fábrica de celulosa de Ence logrou reducir o caudal do seu efluente nun 10%, que quedou situado en 28,9 m3/tonelada, un 22% por baixo do límite máximo marcado pola AAI da instalación.

Así mesmo, os sólidos en suspensión, outro dos indicadores máis importantes do comportamento ambiental da factoría, reducíronse nun 19% durante 2017 ao quedar reducidos a 0,44 kg/tonelada e situáronse un 76% por baixo do máximo permitido pola AAI.

Os indicadores ambientais do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra sitúan á factoría á vangarda mundial do seu sector en desempeño ambiental. A fábrica de Lourizán ten implantado un Sistema Integrado de Xestión de acordo a normas ISO e certificado por un organismo acreditado que realiza anualmente as auditorías correspondentes.

Ademais, o Centro está adherido ao Regulamento EMAS da Unión Europea, sendo a primeira fábrica de Galicia en acceder a este esixente compromiso voluntario.

Calquera cidadán pode seguir día a día os resultados da xestión ambiental de Ence Pontevedra a través da súa páxina web www.encepontevedra.com. Ence aposta pola transparencia total con esta pioneira medida, enmarcada dentro das súas políticas de sustentabilidade e que non foi adoptada por ningunha outra factoría do seu sector na Unión Europea.

Ignacio Colmenares, conselleiro delegado da compañía, xa anunciara o pasado mes de marzo, durante a Junta General de Accionistas, que «vamos a convertir la fábrica y la ría en un ejemplo de cuidado medioambiental y de sostenibilidad, vamos a crear mucho empleo en Pontevedra y vamos a aumentar notablemente nuestra producción». Unha promesa que, á vista dos datos, vai collendo forma co tempo.

Comentarios