A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural realizará unha enquisa cidadá online para determinar a que figura histórica do Pontevedra CF ou personalidade destacada na traxectoria do club debe adicarse a estatua que se instalará no novo parque de Pasarón, unha vez que se leve a cabo a remodelación deste espazo situado na zona norte do estadio, na rúa Luís Otero.
A creación da escultura está incluída entre as melloras do proxecto e a elección da figura á que renderá tributo xa está a dar moito que falar. De feito, o foro de Fondo Norte abriu un debate sobre o tema.
A Concellería que dirixe o socialista Iván Puentes, impulsora da iniciativa e da reforma do parque, pretende que o proceso de elección sexa totalmente participativo; e por iso a súa idea é aproveitar un partido (moi posiblemente o da Cultural) para distribuír un díptico no que se invitará á xente a votar na web.
Ademais deste punto, todo o proxecto de remodelación do parque de Pasarón é, de feito, "o resultado dun procedemento de participación cidadá no que se recibiron máis dun cento de peticións e suxestións, e que permitiu deseñar a reforma á carta, incluíndo nela moitos dos desexos expresados pola veciñanza", lembrou Iván Puentes, que destacou que algunha das propostas recibidas "estivo tan traballada que case semellaba un anteproxecto ou documento técnico, acompañado con fotografías e exemplos moi concretos".
Entre os desexos e proposicións que os cidadáns lle trasladaron ao Concello de Pontevedra recollíanse, precisamente, o mantemento do carácter verde do espazo; mellorar a superficie adicada a parque infantil; incluír equipamento multideporte; deseñar un espazo interxeracional e vencellar a reforma dende un punto de vista estético e temático á historia do estadio de fútbol e do Pontevedra CF, entre outras cuestións.
E todo iso e máis será o que se leve a cabo. Así, a remodelación impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural neste punto da cidade suporá un investimento duns 400.000 euros e permitirá duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans.
Iván Puentes agarda que esta demandada actuación se poida poñer en marcha durante o mes de marzo.
"Logo duns 20 anos desde a construción desta zona de lecer, consideramos prioritaria unha reforma integral, coa instalación de novos elementos de xogo e unha ampliación de superficie que dea resposta ao crecemento do barrio do Burgo. O proxecto redactado pola firma Acroa formula a dotación dun espazo para cans e dunha zona deportiva tipo calistenia, así como a aplicación de criterios de sostibilidade e adaptación ao cambio climático, como a elección de determinadas especies vexetais, o emprego de materiais reciclados ou a incorporación de sistemas naturais de drenaxe e xestión da auga. Seguindo a filosofía de crear parques singulares, con personalidade propia e certo carácter didáctico, optamos por unha tematización de diversos elementos arredor da historia do Pontevedra Club de Fútbol", explicou o concelleiro.
O socialista destacou a importancia de que este parque "se manteña como un espazo eminentemente verde, dotado de diversas zonas de sombra e descanso", para o que "non só se conservarán e reubicarán as árbores existentes no contorno do estanque, senón que tamén se incrementará o seu número con novas plantacións".
Anfiteatro e street fútbol
Un dos puntos fortes da intervención, que se acometerá nunha parcela duns 3.500 metros cadrados, será a instalación dun novo parque infantil especificamente deseñado para a rapazada e dunha zona deportiva de "street fútbol" de 13 x 8 metros (con piso rematado en céspede artificial), así como na xeración de espazos de socialización comunitaria mediante a creación de lugares de encontro e realización de actividades lúdicas: instalaranse áreas de estancia mediante a construción dun pequeno anfiteatro.
Asemade, crearanse varios camiños e praciñas intermedias que conectarán os diversos espazos do parque, tendo a zona de xogos infantís e o anfiteatro como principais referencias visuais.
Un xardín de auga
Segundo subliñou Puentes, "a axeitada recollida e condución das augas pluviais, así como o correcto manexo e tratamento das augas de escorrentía, constitúen aspectos fundamentais deste proxecto, e neste sentido, optarase por derivar as pluviais cara a un xardín de auga, ao estilo dos existentes en cidades como Vitoria, que recollerá a maior parte das augas dos pavimentos duros e que permitirá conservar o ciclo natural da auga no parque".
O edil lembrou que os traballos de remodelación integral do parque de Pasarón teñen un prazo de execución de seis meses.
Tirolina e circuíto de streetworkout
No exterior da zona de xogos infantís, preto da pista de street fútbol, instalarase tamén unha tirolina. Así mesmo, crearase un circuíto de streetworkout, tipo calistenia, composto por ata dez estacións de adestramento, na zona leste do parque.
Parque canino
Consciente da crecente demanda de infraestruturas para o paseo de mascotas (o Concello acaba de inaugurar unha zona para cans en Monte Porreiro), habilitarase un parque canino duns 240 metros cadrados que contará con elementos de adestramento para agility de tipo salto.
Mobiliario urbano
Colocaranse dez bancos e tres mesas de tipo picnic, así como un banco voadizo duns 18 metros de lonxitude no muro do parque infantil, e dotarase o espazo con tres papeleiras, tres fontes e seis aparcabicicletas.