O Entroido aplica o artigo 155

O procés entra de cheo no desfile de Pontevedra, que volve incluír críticas a asuntos de actualidade como a permanencia de Ence na ría, o furtivismo, a iluminación navideña e o presidente Donald Trump

A Santa Compaña xa non é só galega. Agora é medio catalá. Polo menos no Entroido de Pontevedra. Encabézaa un Mariano Rajoy con túnica negra, gadaña e o poder que lle outorga o artigo 155 da Constitución. Detrás del, presos con cadeas, quedan os políticos independentistas como Carles Puigdemont e Oriol Junqueras. Así é: o procés catalán entrou de cheo no Entroido da capital da provincia. Fíxoo con varias alusións. A máis destacada, a do grupo Alebrijes, da Lama, que mesturaba o sucedido en Cataluña co Día de Mortos mexicano. Dúas cruces, unha coas cores da bandeira de España e outra coas da de Cataluña, encabezaban a proposta. Tamén unha referencia á aplicación do artigo 155, mediante a que o Goberno de España puido intervir esa autonomía. Inmediatamente detrás, un cemiterio con lápidas co nome de políticos como Carles Puigdemont (expresidente da Generalitat) e Inés Arrimadas (líder de Ciudadanos en Cataluña).

Non foi a única referencia á actualidade dun desfile que empezou puntual, ás cinco da tarde, co Rei Urco saíndo de Xosé Malvar a bordo dun barco pirata, e ao que asistiron centos de persoas ao longo de todo o percorrido, baixo un ceo encapotado. A iluminación do último Nadal, criticada nas redes sociais, modificada posteriormente e que deu distintos problemas mentres duraron as festas, tamén apareceu un par de veces no evento. Vamos a Todo incluiuna na súa proposta Pontevedra D’Or. Ciudad de Vacaciones, igual que incluíu detalles da praia fluvial ou do novo parking de caravanas. Outro disfraz individual levaba por título Iluminaciones O Rápido. Un operario camiñaba ao carón dunha árbore decorada con candeas. Por diante, un cartel explicaba os servicios que ofrecía: "Especialista en árboles navideños. Materiales homologados en velas y faroles. Presupuesto tentador al Concello de Pontevedra".

MALETÍNS. O desfile tamén incluíu varias referencias á Ría de Pontevedra. Un grupo presentou a proposta A historia interminable de Ence na que se vía a Rajoy e a equipos deportivos recibindo maletíns dos directivos da empresa, un carriño no que se podía ler Compramos alcolitos e mesmo unha reprodución do barco que a fábrica lle doou ás cofrarías en Campelo.

Da mesma maneira, os Koloutros presentaron Zona de furtiveo ao ritmo do tema Rías Baixas Style, de Dani Cordes. Levaban mesmo unha planeadora, que lle deu a oportunidade ao animador Rafa Córdoba, disfrazado este ano de Cristina Pedroche para dar as campanadas de fin de ano, de traer a colación a Sito Miñanco entre risos do público. "¡Sito, déjame dos fardos!".

E, por suposto, Donald Trump. O presidente estadounidense xa fora protagonista o ano pasado. E repetiu este da man de Os de Sempre, que o trouxeron rodeado de tanques e misiles norcoreanos.

Comentarios