O Entroido de palla sae do colexio de Marcón para percorrer toda a parroquia

A comunidade educativa, coa colaboración da veciñanza, recupera unha celebración tradicional, na que non faltaron os cantos e os bailes
photo_camera O desfile discurriu polos camiños vecinais. GONZALO GARCÍA

Non foi unha celebración escolar calquera a que tivo lugar este venres en Marcón, porque o CEIP homónimo recuperou o Entroido tradicional da parroquia, contando coa colaboración de familias, alumnado, profesorado, Anpa e da veciñanza do contorno. Para isto contaron coa axuda dos veciños que no seu día formaran parte da Sociedade Antropolóxica Galega que tenta dende hai anos recuperalo e recolleu para este fin testemuños da súa celebración.

O alumnado levaba varias semanas traballando sobre esta festa tradicional, elaborando o disfrace, informándose das tradicións, confeccionando os seus entroidos de palla e practicando a música e o baile.

O desfile discurriu polos camiños vecinais. GONZALO GARCÍA - Ceip de Marcón

E para poñerlle o peche ao seu esforzo e festexar o Entroido, este venres escolares e docentes realizaron un percorrido polo contorno do centro educativo acompañados polo seu Entroido –así se chama– feito con madeira recuberta de palla e vestido co traxe típico para recrear o máis fiel posible a tradición.

Houbo dúas rutas: unha co alumnado de 6º de primaria, que foi á zona concreta do Entroido tradicional, no lugar de Pintos, e volveu polo mesmo percorrido ata o Campo da Festa de Marcón; e outra co alumnado de cursos inferiores que percorreu os arredores do centro educativo polos lugares de Pazos, A Valadiña, Pumariño e Valadares ata o Campo da Festa de Marcón. Unha vez chegados alí tivo lugar a merenda, en grupos burbulla, e ao rematar volveron sobre os seus pasos ata o colexio.

O desfile discurriu polos camiños vecinais. GONZALO GARCÍA - Ceip de Marcón

Algúns dos veciños entregáronlles aguinaldos, como manda a tradición. Neste caso son alimentos non perecedoiros que serán doados ao Comedor de San Francisco. As comitivas foron acompadas tamén de tres dotacións de Protección Civil.

O desfile discurriu polos camiños vecinais. GONZALO GARCÍA - Ceip de Marcón

Comentarios