A enxeñeira e escritora Pilar Ortega Pereiro gaña o IV Premio María Victoria Moreno

A obra, da que o xurado destaca o sentido do "humor fresco, a lectura áxil e a posta en valor do patrimonio natural galego", titúlase 'O segredo de Al'eume'
Carme Fouces, Andrea Jamardo e David Cortizo. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Carme Fouces, Andrea Jamardo e David Cortizo. BEATRIZ CÍSCAR

A concelleira de Cultura Carme Fouces deu a coñecer xunto a Andrea Jamardo e David Cortizo o nome da gañadora do IV Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil: Pilar Ortega Pereiro, enxeñeira, profesora de tecnoloxía e escritora viguesa.

Na súa intervención Fouces apuntou a "necesidade e importancia de dotar este premio, que homenaxea a unha das escritoras máis salientables da cidade, Maria Victoria Moreno quen estou segura estaría moi contenta con esta obra que o xurado sinala como chea de sentido do humor fresco, áxil, cunha personaxe principal potente e que pon en valor o patrimonio natural galego".

Beatriz Maceda e Lorena Conde foron a gañadoras das anteriores edicións polo que, en palabras da concelleira novamente, "o premio contribúe a visibilizar ás mulleres na literatura: novas autoras con traxectoria e premios que aínda non son moi coñecidas e para as que este certame supón –ademais da dotación de 4.000 euros– un impulso para colocarse en primeira liña. So con isto, cumprimos o obxectivo". Destacou tamén que “neste caso a gañadora non ten formación previa vinculada á escrita e é unha enxeñeira que pertence a outro ámbito, deixando claro que non está e liorta coas letras".

O xurado, reunido na tarde deste martes e formado pola libreira Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Lorena Conde, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora O segredo de Al'eume entre un total de 16 orixinais por "representar a cosmovisión de María Victoria Moreno cunha personaxe protagonista moi forte, de 14 anos, construída ao redor das personaxes secundarias onde os lugares son outro personaxe máis".

"É un libro moi divertido, con humor natural que semella ser inherente á persoa que o escribiu, áxil, onde cada capítulo remata en alto e deixa con gana de seguir", apuntaron.

"Sentimos que a autora non nos poda acompañar pero cando falamos con ela por teléfono para notificala quedou moi feliz", afirmou o xurado, que agradeceu a todos os participantes o seu traballo e a cantidade de horas invertidas en documentarse, investigar e escribir.  Tamén comentou que "aínda que número de orixinais presentados descendeu non descendeu en absoluto a calidade" 

O libro, que será editado e publicado pola editorial Cuarto de Inverno, verá a luz como vén sendo habitual no Culturgal.

Desde a editorial transmitiron a ledicia da filla de María Victoria ante a nova gañadora que "está desexando telo, que funcione e que haxa moitas edicións máis do premio" ao que Fouces respondeu contundente: mentres teñamos algo que dicir os que estamos aquí, o premio non periga".

Comentarios