De enxeñeiro a emprendedor por morriña

Iago Radío creou unha empresa de venda de té ecolóxico para poder volver á casa tras seis anos emigrado no Reino Unido

Iago Radío na Feira Ecolóxica de Arzúa. CEDIDA
photo_camera Iago Radío na Feira Ecolóxica de Arzúa. CEDIDA

Levaba seis anos no Reino Unido e a morriña fixo acto de presenza. A saudade e a distancia da familia e dos amigos foi o xermolo de Tés Paporroibo, a empresa coa que Iago Radío trata de achegar a Galicia a cultura do té. "Eu quería volver, por iso busquei traballo durante un tempo sen éxito. Como non o conseguín, emprendín por necesidade, aínda que agora estou descubrindo que este é un camiño apaixonante, no que estou aprendendo moito", conta o cambadés, que deixou o seu posto como xefe de produción dunha empresa do sector petroleiro no Reino Unido por volver a Galicia.

Radío sabía que quería volver á casa e tamén que a forma de facelo era crear unha empresa pero, de que? "A min encántame o té, xa me gustaba antes de marchar para Inglaterra, pero dende que estiven alí comecei a tomalo máis a miúdo", explica. Ademais, era consumidor de produtos procedentes da agricultura ecolóxica, por iso pensou que sería boa idea conxugar o seu amor polo té co compromiso coa produción sostible. "Quixen traer a miña experiencia vital como amante do té a España", conta. O resultado é unha plataforma de venda de tés online, ademais da distribución dos seus produtos en tendas físicas (en Pontevedra, Ecovedra, El Colmado Gourmet e Ecocabana). As 40 variedades de infusións que ten o catálogo da empresa son producidas de forma ecolóxica e están destinadas a un público gourmet. É té de calidade pensado para unha clientela de alto nivel. Os tés de Radío comercialízanse dende este verán. Os primeiros meses o negocio tivo perdas pero, a partir de outubro, as vendas comezaron a subir.

"Pode que haxa pouca xente con mentalidade emprendedora, pero se a hai quítanche as ganas polas trabas que atopas"

 

Emprender é apaixonante, pode resultar interesante e enriquecedor, pero non é doado. Todos os trámites que tivo que facer Iago Radío antes de crear a súa empresa fixeron que estivese meses parado. "Realizas certos procedementos, pero ata que chos tramitan pode pasar moito tempo", conta. O seu cambio de domicilio e máis as dificultades para a creación da empresa ralentizaron o nacemento de Tés Paporroibo. "Pode ser certo que aquí haxa pouca xente con mentalidade emprendedora, pero tamén é certo que se a tes quítanche as ganas coa cantidade de trabas que atopas no camiño", explica.

SEN AXUDAS.. A Secretaría de Emigración e máis algunhas deputacións contan con liñas de axuda para emprendedores, tanto para quen viva en Galicia como para quen volva da emigración. "No meu caso, non puiden acollerme a ningunha destas subvencións porque hai uns requisitos moi concretos", conta. Así, as axudas da Xunta implican un investimento superior a unha determinada cantidade que Radío non podía asumir. Por outro lado, a Deputación de Pontevedra ofrece subvencións aos mozos emprendedores de menos de 30 anos, e Radío tiña 32 no momento da creación da empresa. "Se estudas unha carreira, fas prácticas ou un máster e traballas uns anos para ter experiencia é moi difícil que poidas crear unha empresa antes dos 30. No caso da Deputación da Coruña estas axudas son para menores de 35 anos pero, como son de Pontevedra, tampouco puiden optar a elas", conta.

A decisión de volver de Radío foi un acto de valentía. Nin os seus amigos do Reino Unido nin os seus compañeiros de traballo podían crer que deixase o seu traballo por crear unha empresa cuxo futuro era incerto. "Tanto a miña carreira como a da miña parella ían moi ben alá", conta mentres recoñece que moi pouca xente volve para emprender. Porén, a Iago Radío faltáballe algo e quixo volver para recuperalo. "Eu nunca fora morriñento, pero chegoume a hora", remata.

Brexit: "Aos inmigrantes botáronnos a culpa ata dos atascos"

Outro dos motivos que fixeron que Iago Radío volvese a Galicia foi a cantidade de afirmacións que escoitou por parte dos defensores do Brexit durante a campaña previa ao referendo que se celebrou para decidir o abandono da Unión Europea.

"Dicían tantas cousas negativas de nós, os inmigrantes, que quixemos marchar antes de que todo aquilo puidera converterse nun problema. Chegaron ata a botarnos a culpa dos atascos das autopistas e isto é verídico", conta o cambadés.

A súa parella e máis el decidiron abandonar un país que "deixou de querernos alí" tras seis anos porque non querían converterse en "cidadáns de segunda".

Comentarios