A EOXI nega demoras nas resonancias de urxencia

Esta semana un usuario denunciou publicamente que a súa nai leva máis dun mes e medio agardando pola proba, "calificada de urxente"

A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés asegurou que as resonancias magnéticas para os pacientes para os que se solicita a realización desta proba con carácter urxente, "son feitas en tempo e forma, sen que en ningún momento sufran demora".

A EOXI fixo esta afirmación despois de que se fixese público o caso dun veciño de Poio que denunciou a través da prensa que a súa nai, que sufriu un ictus, "leva máis dun mes e medio agardando a que lle practiquen unha resonancia" calificada de "urxente".

A Xerencia afirmou que "a espera media para a realización dunha proba de resonancia magnética sitúase nos 34,5 días no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, demora media na que se inclúen tanto as probas preferentes como as probas de controis habituais", pero asegurou que nos casos urxentes non hai demoras.

Engadiu que "as resonancias de tipo preferente son levadas a cabo no momento no que corresponda, segundo o criterio dos profesionais do Servizo de Radioloxía, criterios que se basean na situación clínica de cada paciente". Ademais, precisou que "nas últimas semanas se rexistrou na área sanitaria un pico de demanda para a execución deste tipo de probas, o cal conlevou que a Dirección do CHOP efectuara unha reconfiguración da programación das mesmas".

Por outra banda, a Xerencia de Xestión Integrada negou que este pico de demanda obrigase a instalar "en ningún momento" unha unidade móbil no Hospital Provincial para efectuar as probas pendentes.

"Na actualidade, o equipo de resonancia magnética do Hospital Montecelo cumpliméntase cunha móbil que Galaria pon a disposición do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra periódicamente, mentres o segundo equipo, que está previsto instalar en Montecelo antes de final de ano, non está dispoñible", sinalou a Xerencia.

Comentarios