O equipo de Dixestivo do CHUP recibe o premio Best in Class pola loita contra a Hepatite C

Ofrece a todos os pacientes a posibilidade de curarse desta enfermidade, coñecida como a pandemia silenciosa
Integrantes do equipo recoñecido co galardón Best in Class. DP
photo_camera Integrantes do equipo recoñecido co galardón Best in Class. DP

O Servizo de Dixestivo do CHUP reibiu este xoves o galardón nacional Best in Class 2020 pola súa atención asistencial á Hepatite C, unha enfermidade que afecta a máis de 7 millóns de persoas a nivel mundial e que, ademáis, é a principal causa de cirrose hepática, cáncro de fígado e provoca a necesidade de recibir un transplante hepático.

Estes premios, que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, teñen como obxectivo principal recoñecer públicamente a aqueles centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.

Dende o ano 2015, o Servizo de Dixestivo ten en marcha unha planificación encamiñada a que calquera paciente poida ter a posibilidade de curarse da Hepatite C, unha patoloxía que representa un problema de saúde pública moi grave e que é coñecida como a pandemia silenciosa, xa que non presenta síntomas ata que está nun estadio moi avanzado.

España está recoñecido pola OMS como o país máis avanzado para eliminar a Hepatite C antes do ano 2024, tan só por detrás de Islandia. E no caso particular do servizo pontevedrés, liderado por Juan Turnes, o programa iniciado en 2015 ofrece a posibilidade de curación mediante tratamento farmacolóxico e reforza o diagnóstico. De feito, estímase que a cifra de pacientes con Hepatite C non diagnosticados na Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés veuse reducida nun 90% nos últimos anos, grazas aos programas de diagnóstico e tratamento postos en marcha nestes últimos cinco anos, tales coma: a creación de circuitos de identificación de novos casos e acceso rápido a tratamentos; a implantación pioneira en Galicia do diagnóstico da Hepatite C nunha única mostra de sangue da man do Servizo de Microbioloxía; o acceso aos ensaios clínicos e o uso da Intelixencia Artificial no marco do programa FOCUS Galicia, entre outros.

MULTIDISCIPLINAR. Segundo sinala o xefe do servizo de Dixestivo, Juan Turnes, "este recoñecemento non sería posible sen o apoio da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés e se non contáramos cun equipo multidisciplinar, formado por profesionais de Atención Primaria, Farmacia, Microbioloxía, Admisión, ademáis da colaboración explícita do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur". 

Fontes oficiais do complexo hospitalario engaden que a concesión deste galardón "prodúcese nun ano marcado polo recoñecemento internacional do premio Nobel de Mediciña aos descubridores do virus da Hepatite C e en medio da pandemia do coronavirus, dous feitos que amosan que, coa axuda da ciencia e a perseverancia, nada é imposible". 

O acto oficial de entrega destes galardóns nacionais -que este ano acadaron a súa décimo quinta edición- tivo lugar este xoves nunha Gala Virtual. A súa concesión está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos a través dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos centros hospitalarios e de Atención Primaria e que, posteriormente, son avaliados por un comité de expertos.

Outros cinco servizos foron elixidos finalistas
Á parte do galardón do servizo de Dixestivo, resultaron elixidos finalistas nos premios Best in Class 2020: a unidade de tratamento de asma, o servizo de Anestesioloxía e Reanimación pola súa xestión asistencial no eido dos pacientes cirúrxicos; Dermatoloxía polo seu tratamento da psoriase; o de Farmacia Hospitalaria polo seu sistema de preparación de medicación BD CATO e pola atención a enfermidades inflamatorias inmunomediadas e Microbioloxía. Ademais o CHUP competiu como un dos mellores centros sanitarios de España en xestionar as demoras asistenciais, pola seguridade clínica e as relacións con asociacións de pacientes.

Comentarios