Miguel Riopa: "Era case unha necesidade vital fotografar o que estaba pasando"

Miguel Riopa é un dos seis fotógrafos que participa en Imaxe Covid, un proxecto que aspira a difundir a nivel global, a través das redes sociais, fotos da pandemia en Galicia
Miguel Riopa. CEDIDA
photo_camera Miguel Riopa. CEDIDA

Foi quen de entrar nunha Uci en plena pandemia. "Aí é cando estamos facendo ben o noso traballo", di Miguel Riopa (Campo Lameiro, 1967). O fotógrafo da axencia France Presse, Premio Luis Ksado, Premio Galicia en foco, galardoado nos World Press Photo e finalista dos World Photography Awards, é un dos que participa no proxecto Imaxe Covid. A súa carreira comezou nos anos 90 na capital da provincia en cabeceiras como Xornal Diario e Diario de Pontevedra. "Lembro esa etapa con moito agarimo. Aquel era un fotoxornalismo máis xenuíno, máis auténtico. Aínda non pasaba todo por filtros de axencias de comunicación e de gabinetes de prensa. Entre outras cousas puiden coñecer a fotógrafos da vella escola, a Rafa Vázquez, a Marloy... Eran todos uns personaxes, pero ensinábanche, por exemplo, como entrar en sitios nos que, se non sabías manexarte, non entrabas. Eu absorbíao todo".

Que é o proxecto Imaxe Covid?
Imaxe Covid é un proxecto de fotoxornalismo que puxeron en marcha Óscar Corral e Brais Lorenzo coa idea de que un grupo de profesionais galegos amosase que era o que estaba acontecendo aquí neste momento, que é un momento histórico a nivel mundial. Do que se trataba era de reunir a ollada de seis fotoxornalistas [ademais de Corral, Lorenzo e Riopa, están Mónica Ferreirós, Miguel Muñiz e Agostiño Iglesias] sobre esta pandemia e aproveitar as redes sociais para que o noso traballo non quedase só nos medios nos que traballamos e se puidese mover un pouco máis. O que buscabamos era visibilizar as nosas fotos, pero tamén o que estaba pasando, dende o traballo dos sanitarios ao que estaba a acontecer nas rúas. Era case unha necesidade vital poñerse a facer fotos do que estaba acontecendo que, como digo, era algo histórico.

Que diría que marcou o seu traballo estes dous últimos meses? Foi complicado facer fotos coas medidas de seguridade?
Non, non especialmente. O fundamental era ter moito coidado no que faciamos, onde o faciamos e como o faciamos. A seguridade en situacións coma esta é clave. Traballabamos na rúa ou en lugares moi cargados viricamente e despois volviamos ás nosas casas, con todo o que iso implica. Cuestións como empregar as máscaras, protexerse, lavar as mans todo o tempo... unha vez que as incorporas non supoñen máis que unha rutina. No meu caso tampouco era nada descoñecido porque xa traballei en sitios complicados. Como pasa noutro tipo de conflitos, a seguridade é o principal. Aquí o fundamental era non contaxiar nin contaxiarse.

Vostede chegou a traballar dentro dunha Uci en Vigo.
Si, así é. Tiven a sorte de poder entrar a facer fotos dentro da Uci dun hospital nun momento complicado da pandemia. Foi algo que me custou moito, moitas negoXornalismo é estar aí: contar unha historia real, trasladarlle á xente o que está pasando, permitirlle velo" Nos partidos de fútbol, segundo parece, non poderemos facer fotos. En estadios vacíos! Iso é coartar a liberdade de información» ciacións e moito insistir. Tentei facelo nalgún hospital público, pero foi absolutamente imposible. Volvemos aos filtros dos que che falaba antes. Ao non conseguilo aí, probei na empresa privada. Aí si tiven a sorte de que no hospital Povisa de Vigo se entendese perfectamente o que quería facer e me deixasen facelo. Estareilles sempre agradecido. A miña obsesión era, sobre todo naquel momento álxido, que había que conseguir mostrar o traballo que se estaba a facer en primeira liña, dentro dos hospitais. O traballo dos sanitarios, que era o que todo o mundo estaba aplaudindo e que era o que estaban vendendo as autoridades, non contaba con ningún traballo xornalístico que o documentase dende dentro. Que era o que estaba pasando alí? Como era o traballo do persoal sanitario? Como estaban alí os enfermos? Había que ensinalo.

Porque se non se documenta é como se non pasara?
É que de pouco serve que se aplauda se non se sabe o que están facendo realmente. Tratábase de rexistrar o seu traballo, pero tamén a humanidade que se respiraba alí dentro. Date conta de que, cando eu entrei, había enfermos que levaban alí un mes illados. O único contacto humano que tiñan era con sanitarios. Creo que realmente iso é o xornalismo: estar aí, contar unha historia real, trasladarlle á xente o que está sucedendo, permitirlle entrar alí dentro para poder velo. Aí é cando estamos facendo ben o noso traballo.

‘Ir, ver e contar’ era una regla básica do xornalismo, que este momento post-covid está trastocando. Os fotoxornalistas denúnciano: non poden acceder a espazos como os xulgados ou os campos de fútbol, implántanse a distribución de imaxes ou o traballo en réxime de pool [cando accede un só fotógrafo a un espazo e reparte as súas imaxes entre os compañeiros]...
Son cousas que non teñen ningún sentido para min. É como se a xente que marca estas normas estivese completamente fóra da realidade da profesión. Estivemos traballando todo o tempo polas rúas, nos hospitais, nas residencias... Que sentido ten todo isto agora? Os principais interesados en gardar as medidas de seguridade e en que todo estea ben somos tamén nós. Póñoche un exemplo: nós non podemos entrar agora mesmo a facer fotos aos campos de fútbol onde se fan os adestramentos, pero onte mesmo eu vin nun xornal galego un vídeo dun xogador, Iago Aspas, ofrecendo unha rolda de prensa nun campo e facéndose fotos con xente. Pero en que quedamos? Isto que é? A nós impídennos facer o noso traballo dicindo que é por temas de seguridade médica. Pero entón? Xa che digo que para min é algo que non ten ningún sentido. Cando comecen os partidos de fútbol, cos estadios vacíos, tampouco se vai permitir facer fotos, segundo parece. Nun estadio completamente vacío! Por outro lado aquí o que se está facendo é coartar a liberdade de información. Non se está permitindo informar con liberdade sobre asuntos de interese público. Non sei... eu non son capaz de entendelo.

Preocúpalle que estas medidas afecten ao dereito á información?
Claro. Porque dar pasos cara atrás é sinxelo, pero tratar de volver despois a dalos cara adiante pode ser difícil. Seguindo co tema do fútbol: se a Liga empeza a funcionar cun equipo de traballo propio que lle facilita fotos aos xornais, que vai pasar cos fotógrafos deportivos? É un caso de competencia desleal, un veto informativo. Pero non é só que corran perigo os postos de traballo dos fotoxornalistas, é que esas imaxes que che van chegar a partir de agora son que as pasaron o filtro de quen as manda. Chegarán as fotos que lles interese ou que queiran que cheguen. O problema de todo isto é que se se van perdendo batallas na liberdade de información, se se van perdendo dereitos que estaban consolidados, pode ser difícil recuperalos.

Comentarios