Ernestina Otero e Cruz Gallástegui presiden o novo mural do CEIP Cabanas

Trátase da novena intervención efectuada no marco do programa impulsado pola Concellería de Educación para dar a coñecer a historia e contorna dos centros educativos de Pontevedra
Mural realizado no CEIP Cabanas. CONCELLO
photo_camera Mural realizado no CEIP Cabanas. CONCELLO

A mestra e pedagoga Ernestina Otero e o enxeñeiro agrónomo, xenetista e veterinario Cruz Gallástegui son as figuras centrais do mural realizado por Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, nos accesos ao CEIP Cabanas, en Salcedo. Trátase da novena intervención artística efectuada no marco do proxecto O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna, impulsado pola Concellería de Educación coa finalidade de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles.

Mural realizado no CEIP Cabanas. CONCELLO

A parte superior do mural supón unha vasta viaxe no tempo, ao representar a parte máis antiga da historia do colexio, coas cabanas prehistóricas, os petróglifos de Mato das Cruces, o Castro das Moas e os Muíños do Batán. Na parte inferior ten lugar a historia máis recente da súa contorna, vencellada á Misión Biolóxica, que desde 1928 ten as súas instalacións no Pazo de Gandarón, en Salcedo.

Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, promotor do programa municipal, "á esquerda do mural, Ernestina Otero leva de excursión ao seu alumnado, e á dereita, Cruz Gallástegui amósalles como se realiza a polinización do millo". "Como acontece noutros murais anteriores, tamén hai referencias á natureza que circunda ao centro educativo, neste caso un paxariño que é un paporroibo", apunta o edil do PSOE.

Ademais de ao colexio de Cabanas, o proxecto O teu cole na historia xa chegou aos muros dos CEIP Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Camplongo e a EEI de Verducido.

Polo Correo do Vento tamén ten previstas intervencións artísticas nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela; o CEP Marcos da Portela, e a EEI Fina Casalderrey.

Comentarios