Un escape room para visualizar que "a diabete non vén de tomar moito azucre"

Tilda Einarsson, primeira pola esquerda, co alumnado de 4º da ESO que participou na actividade deste mércores. DAVID FREIRE
photo_camera Tilda Einarsson, primeira pola esquerda, co alumnado de 4º da ESO que participou na actividade deste mércores. DAVID FREIRE

Tilda Einarsson ten 19 anos e fixo as maletas na súa Suecia natal para vir a Pontevedra. O obxectivo, facer un EVS (Servicio Voluntario Europeo) durante doce meses dentro da ONG Ticket2Europe. Leva uns tres meses na cidade e este mércores foi a protagonista do Sofá con..., a actividade impulsada polo Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo do IES Valle Inclán.

Este grupo de traballo, xunto co colectivo A Redeira, conmemoraron o Día Mundial da Diabete con esta iniciativa, que non se limitou a unha charla, como é habitual, senón que Einarsson propuxo un escape room para visualizar "como se pode actuar cando unha persoa con diabetes precisa axuda", explicou en inglés. Participaron preto de 30 estudantes.

A moza desenvolve a súa labor no ámbito da fotografía e a realización de vídeos. Coñeceu a educación non formal por primeira vez gracias a ONG sueca á que pertence, Awesome People. Así, dende o seu primeiro intercambio xuvenil, hai dous anos, é unha firme defensora da educación non formal e de coñecer xente, aprender cousas novas e descubrir outras formas de ver o mundo. O escape room do mércores forma parte do proxecto transnacional Critical Escape da ONG Shokkin Group Estonia, cuxo obxectivo é crear escape rooms que promovan o pensamento crítico, a resolución de problemas e a creatividade. A actividade fíxose enteiramente en inglés.

CONCIENCIACIÓN. "A xente non ten unha idea correcta de que é a diabete, pensa que se alguén a sofre é porque tomou moito azucre. É unha enfermidade diferente, hai moitos tipos. Queremos que a xente saiba como comportarse cando ten que axudar a alguén con esta doenza", explica Tilda, quen precisamente é diabética.

Nos tres meses que leva na Boa Vila xa pode dicir que a cidade "lle encanta" e "como me encanta a chuvia, é perfecto".

"No se suele hablar mucho de estos temas, es una enfermedad que conocemos de oídas y me parece importante esta tarea de concienciación", explicou unha das participantes.

Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo pretende estimular o coñecemento de Europa como institución e a democracia europea entre a mocidade. Grazas a esta iniciativa un grupo de estudantes do centro foi convidado a visitar o Parlamento Europeo en Estrasburgo do 21 ao 25 de outubro e tivo a oportunidade de asistir a un Pleno.

Comentarios