As escavacións en Santa Clara proban que o claustro tiña outro lado que foi demolido

Tamén se descubriron aperturas, probablemente defensivas, no muro interno paralelo ao de Barcelos ▶ As sondaxes acabarán este mes e logo virá a análise e documentación dos achados
enlousado panda oeste1-1
photo_camera Enlousado que estaba baixo terra e foi descuberto no lado Oeste do claustro. DP
As escavacións no convento de Santa Clara seguen a revelar sorpresas. A última foi dada a coñecer este venres polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, quen indicou que os traballos arqueolóxicos veñen de demostrar que o claustro, que a día de hoxe só conserva dúas pandas ou lados, tiña en orixe polo menos un máis na zona Oeste que nalgún momento da historia foi derrubado. A proba é que baixo terra atopáronse pavimentos empedrados e na zona exterior, restos dun tellado que voaba sobre o xardín da fonte  e tamén cicatrices do enlace coa edificación.

Tal e como indicou o nacionalista, con estas descubertas resólvese un dos enigmas sobre a singularidade do claustro de Santa Clara, diferente aos doutras construcións relixiosas que, de maneira xenérica, pechaban con catro corredores de galerías unha zona central axardinada. 
Enlousado. CEDIDA
Enlousado. CEDIDA

En calquera caso, nas sondaxes non se encontraron evidencias de que o cuarto lateral fose construído, o que leva á equipa arqueolóxica a pensar que o claustro foi "o enésimo proxecto a medio finalizar" do convento. O seu deseño orixinal, así pois, sería en forma de U con dúas alas simétricas en dirección Sur, indicou Mosquera.

Ademais destas revelacións sobre o claustro, o vicepresidente explicou que os estudos de paramentos amosaron que no muro interior da finca do convento que discorre paralelo ao de Barcelos –que separa a zona de vides e kiwi da parte exterior de arborado–, existen ventanucos abucinados similares ás saeteras. 

Estes, sen poder determinar de momento se foron construídos pola orde das monxas ou anteriormente, tiñan moi probablemente un carácter defensivo, xa que a parte externa é estreita e a interna máis longa. En todo caso, as aperturas están a día de hoxe colmatadas e recheas de pedras.

Muro de ventás abucinadas. CEDIDA
Muro de ventás abucinadas. CEDIDA

Tal e como detallou o vicepresidente provincial, as escavacións  que se están a executar en Santa Clara rematarán este mes e ata entón a equipa arqueolóxica seguirá a traballar na construción, realizando principalmente traballos complementarios para identificar na totalidade restos xa identificados ou confirmar datos e teorías sobre algún elemento concreto. Unha vez a faena de campo remate nos vindeiros días, intensificarase o labor de documentación e priorizarase a de análise e a redacción de informes.

Comentarios