"Sobre o escenario decateime de que eu vin a este mundo a actuar"

Celso Bugallo, actor, recibe a semana que vén o Premio Pontevedreses da Cultura e amósase "orgulloso" dun recoñecemento na cidade que o adoptou hai 25 anos 
Celso Bugallo no parque das Palmeiras de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Celso Bugallo no parque das Palmeiras de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR

A celso bugallo (Vilalonga, 1947) párano uns amigos pola rúa para felicitalo polo seu traballo en El buen patrón, e el cóntalles que está feliz polo Premio Pontevedreses da Cultura que recibirá na gala do vindeiro 25 de novembro. Ri ao despedirse de Rafa, músico co que coincidiu na época da movida en Madrid. "El tocaba a guitarra e eu facía de mimo na rúa e logo pasabamos a gorra e repartiamos", relata camiño da Alameda.

Son moitas as anécdotas que atesoura o actor gañador dun Goya en 2004 ao actor de reparto polo seu papel en ‘Mar adentro’. Bugallo Aguiar naceu en Vilalonga, pero ao longo da súa vida viviu en Bilbao, Logroño, Madrid, Gran Canaria, Ámsterdam ou Estados Unidos, aínda que é na Boa Vila onde hoxe se sente na casa.

Como recibe o galardón de Pontevedrés do ano?

Realmente sorprendeume que me elixiran e alégrome moito. É un orgullo para min. Os recoñecementos sempre están ben e agradézoo profundamente. Tratarei de levalo con dignidade todo o tempo que me quede de vida.

Pode colocalo ao carón do Goya.

Téñoo na entrada onde poño as gorras. Véxoo nada máis entrar nun moble moi bonito. Aí está tan tranquilo. 

Igual recibe outro dentro duns meses.

Ogallá. Polo menos a película é candidata ás nominacións. E o director, o actor protagonista, o guión, e aí estamos dous actores que facemos un papel secundario importante.

Leva case tres décadas en Pontevedra pero naceu en Sanxenxo.

Nacín en Vilalonga, hai que aclaralo porque en Internet pon que nacín en Sanxenxo e eu nacín nunha aldea pequena de Vilalonga que se chama Lagarei. De cando en vez vou pola casa na que nacín. A fachada segue exactamente igual, de 1943 creo que é. Cando vou a Vilalonga, por exemplo, este domingo que estou convidado a comer cos familiares, dou un paseo por alí fronte á Illa da Toxa.

Que lembranzas ten daquela época? Como o marcaron?

Moitas. A casa dos Aguiares era moi poderosa e tiña oito bois e tiña herba e un espazo baixo da parra no que os nenos xogabamos e ata nos pelexabamos, ata que meus pais emigraron a Bilbao. Meu pai era mecánico axustador e non atopaba traballo aquí. Marchou el só para Bilbao, encontrou traballo e ao cabo dun ano fomos todos para alí. Somos cinco irmáns que aínda estamos aí.

E de Bilbao marcharon a Logroño, cidade que marcaría o seu destino como actor.

Foi tremendamente providencial na miña vida. De non ter ido non sei como sería a miña vida en Lagarei. Alí empecei a facer teatro e a subir aos escenarios.

Recorda a primeira vez?

Claro. Foi unha obra de Calvino que se chamaba ‘La torre sobre el gallinero’. Eu saía de médico e saía pouco. A acotación dicía que chovía moito na rúa e eu díxenlle ao compañeiro que baleirara medio litro de auga por enriba de min. Esa foi a primeira escena que fixen nun escenario en presencia do público, cando me botaron por enriba toda a auga.

A partir de aí xa non habería quen o baixase dos escenarios, non?

Non foi aí. Despois fixemos outra obra máis que dirixía unha muller afeccionada ao teatro que era Amparo Rois, que a min me axudou moito. Logo apareceu Ricardo Romanos, que fundou un grupo que se chamou Adefesio Teatro e el quería que fose fundador con el.Nesa época, traballando, decateime realmente a que vin eu a este mundo, a actuar.

Que supón actuar para vostede?

Desenvolver un traballo que é tremendamente útil e necesario e que a min me entusiasma. Dirixín un grupo de rapaces adolescentes no barrio onde viviamos que gañou o premio rexional de teatro. Tempo despois en Vecindario e alí tamén fundei un grupo moi interesante que chegamos a facer incluso unha xira por todo o arquipélago. Foi unha experiencia francamente interesante porque traballamos con Antón Chejóv, promotor do sistema Stanislavsky. Foi unha experiencia tremenda.

Que o fixo regresar a Galicia?

Levo en Pontevedra desde que volvín de Logroño fará 28 anos, cando fundei a Academia Logos na Praza da Ferrería. Gustoume sempre esta cidade. Un día pensei "non sei que fago en Logroño". Polo mar, sobre todo. Estar preto do mar é fantástico para min.

Que é o que máis lle gusta desta cidade?

Gústame a vida de Pontevedra. O carácter,a idiosincrasia da cidade. É moi servicial, teño todo en pouco espazo.As tertulias, as cervexas cos amigos... Eses momentos. 

"Gustaríame facer 'O rei Lear', levo oito anos memorizándoo"

Fixo teatro durante a maior parte da súa vida ata que con 52 anos entra no mundo do cine e participa en películas como A lingua das bolboretas, Mar adentro, La vida que te espera... "Cuerda, Amenábar, Gutiérrez Aragón... Traballei cos mellores", di.

Empezou con 52 no cine pero ten confesado que namorou da sétima arte sendo un rapaz.

Cando tiña 14 anos entrei a traballar nunha tenda de ultramarinos repartindo pedidos e os veciños dábanche boas propinas. Sempre tiña para o cine e unha vez fun ver ‘Rebelde sin causa’, de James Dean, e impresionoume moitísimo.

Imaxinou algunha vez que acabaría diante dunha cámara?

Nunca. Foi unha circunstancia totalmente imprevista. Cando empezou a rodaxe de ‘A lingua das bolboretas’ eu estaba en Ámsterdam traballando na rúa e todas as noites chamaba á miña nai. Un día díxome que un director de cine quería que traballase con eles. Collín varios trens e vin correndo. Era Cuerda quen me quería.

O papel de José, o irmán de Ramón Sampedro, valeulle un Goya, pero a que personaxe lle ten máis cariño?

A Amador de ‘Los lunes al sol’. É moi especial. É un parado obrigatoriamente pola crise de entón. A min ese personaxe gustábame moito porque, como eu tamén son traballador, doume conta dese tipo de cousas. A Fernando encantáballe, sobre todo a borracheira (risos).

E volveu traballar con el en ‘El buen patrón’.

Fernando tiña moi claro que tiña que ser eu. Cando lin o guión doume un zarpazo que me desprazou cara o rincón onde eu traballo. É un guión extraordinario.

Que soños ten por cumprir?

Estou moi contento coa vida que tiven. Puiden cumprir moitos soños que tiña e xa non me quedan moito máis que cumprir. O único que desexo é que me asista a saúde tanto tempo como sexa posible e poder vivir tranquilo.

E que papel lle gustaría interpretar?

O rei Lear de William Shakespeare, levo oito anos memorizándoo. Seino de memoria e gustaríame facelo tanto en teatro como en cine, e se algún día teño oportunidade fago a película eu. Está moi unido á miña vida.

Comentarios