A Escola María Vinyals abordará o día 9 a mercantilización do corpo das mulleres

Varias expertas analizarán nunha xornada no castelo de Soutomaior realidades como a da pornografía, a trata de mulleres e de nenas, a prostitución ou os ventres de alugueiro
A última xornada da Escola María Vinyals encheu aforo, ao igual que todas as anteriores. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera A última xornada da Escola María Vinyals encheu aforo, ao igual que todas as anteriores. GONZALO GARCÍA (ADP)

A Mercantilización do corpo das mulleres será o eixo sobre o que xirará a próxima xornada da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra. A cita, que foi presentada pola presidenta provincial, Carmela Silva, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, desenvolverase o 9 de outubro no castelo de Soutomaior e contará cun plantel de expertas que ofrecerán varias ponencias ao longo de todo o día.

A primeira versará sobre A pornografía e prostitución como violencia contra as mulleres, a cargo de Rosa Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora de Socioloxía de Xénero e directora de Atlánticas e tamén do Máster Online sobre Igualdade e Equidade organizado por Cooperació e a Universidade de Vic.

A continuación, a activista feminista Ángeles Álvarez, voceira da Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres, centrarase na Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres. Unha hora despois, Silvia Pérez, doutora en socioloxía e investigadora especializada en Violencia de Xénero, impartirá a charla Desvelando a realidade da acción contra a trata.

Xa pola tarde, Towanda Rebels, unha plataforma de expresión feminista composta por Teresa Lozano e Zúa Mendez, tratará O porno e a violencia sexual, analizando a normalización da cultura da violación da man dunha potente industria pornográfica que diariamente atrae a milleiros de menores en todo o mundo.

A xornada está dirixida sobre todo ás persoas que traballan no ámbito da igualdade de xénero, pero é aberta a toda a cidadanía e, de feito, Carmela Silva animou especialmente ás e aos profesionais da comunicación e da xudicatura. As inscricións poden formalizarse a través da web da Deputación ata completar aforo.

"Se sempre é fundamental apostar pola educación e as políticas de igualdade, neste momento no que estamos a sufrir tantos ataques pola aparición de partidos políticos e os seus cómplices que queren negar a necesidade urxente de tomar medidas políticas, estas xornadas son máis importantes que nunca", destacou a presidenta provincial, que agradeceu o "magnífico traballo" da deputada Isaura Abelairas e de todo o equipo de Igualdade da Deputación.

"O alugueiro de ventres é compravenda da pobreza das mulleres"
A presidenta provincial lembrou este mércores algúns dos datos que amosan que "non podemos mirar cara a outro lado" porque se están a vulnerar "os dereitos humanos máis básicos".

Así, sinalou que a provincia de Pontevedra é "a que maior prostitución concentra dentro de Galicia" e, en canto ao conxunto de España, "diversos estudios sinalan que hai entre 35.000 e 55.000 mulleres que están a ser prostituídas, mentres que de maneira non oficial estamos falando dunhas 100.000". Ademais, segundo a ONU, España é o país europeo no que máis prostitución se consume e o terceiro do ranking mundial, sendo a prostitución o terceiro negocio máis lucrativo do mundo. En canto aos perfís, os homes que consumen prostitución "son mozos novos cunhas demandas cada vez máis violentas e denigrantes".

Silva tamén criticou enerxicamente "o alugueiro dos ventres das mulleres", porque "aquelas que alugan os seus ventres son mulleres pobres que se ven obrigadas a facelo", de aí que "dita práctica é unha compra-venda da pobreza das mulleres".

Comentarios