Nove alumnos de tres, catro e cinco anos da escola de Bértola (pertencente ao CRA de Vilaboa) visitaron o pasado luns o muíño do Toxal, nome polo que se coñece o tramo do río Gafos ao seu paso pola parroquia. Xunto coa súa mestra, foron acompañados por membros da asociación Vaipolorío.
A actividade forma parte do proxecto Vilaboa, unha boa vila por descubrir, grazas ao que coñecen a súa parroquia e a contorna máis próxima á escola.
"Tivemos a sorte de pasear polo río dos Gafos grazas a asociación Vaipolorío e a Pablo, Manolo e Xosé, que nos explicaron curiosidades da fauna e da flora que podemos atopar nas beiras e como era o funcionamento do muíño", explicaron no blog do centro educativo. "Ata construíron para nós unha frauta máxica". Durante o paseo, ademais de coñecer a diversidade natural que os rodea, recolleron o lixo que atoparon.
A de Bértola é a opción elixida por catro familias pontevedresas para escolarizar ás súas crianzas no vindeiro curso, pola súa baixa ratio, o grupo de idades variadas, o programa e o contorno natural.