Os escolares do CEIP de Cabanas en Salcedo xa son ciberexpertos

Maica Larriba felicitou ao estudantado pola superación deste curso que impartiu a Policía Nacional
                      Os alumnos e alumnas do CEIP de Cabanas.
photo_camera Os alumnos e alumnas do CEIP de Cabanas. DP

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou este xoves no acto de entrega dos carnés de ciberexpertos outorgados pola Policía Nacional a unha vintena de alumnos e alumnas do CEIP de Cabanas, en Salcedo. No acto participaron tamén a comisaria da Comandancia de Pontevedra, Montserrat Hernández, e dous axentes da Unidade de Protección Cidadá.

Este acto foi a culminación da aplicación do programa Ciberexpert@s desenvolvido pola Unidade de Protección Cidadá da Policía Nacional de Pontevedra e mediante o cal se pretende sensibilizar, concienciar e formar aos alumnos e alumnas destes centros dos riscos existentes ao utilizar as redes sociais e dos recursos e mecanismos existentes para protexerse ante estes perigos.

O programa, cunha duración de cinco horas lectivas, está dividido en dez unidades didácticas nas que, entre outras cuestións, incídese en aspectos como o ciberacoso, a suplantación de identidade, o grooming, o sexting, tecnoadiccións, normas para manter a privacidade dos usuarios, así como recursos e consellos para realizar unha navegación segura.

A subdelegada do Goberno felicitou ao alumnado pola superación deste curso e recoñeceu o labor que realiza a Policía.

Comentarios