Escolares con matrícula de honra en ciberseguridade

A clase de 6º do CEIP San Martiño impúxose a outros 42 equipos de toda Galicia nun concurso celebrado na Cidade da Cultura
O grupo de 6º de Primaria na aula de informática do colexio. GONZALO GARCÍA
photo_camera O grupo de 6º de Primaria na aula de informática do colexio. GONZALO GARCÍA

Que é un malware? Que debe ter un contrasinal para seguro? Sabe defenderse dun troiano? Que é o Incibe? Pode que a vostede lle soe a chinés, pero a rapazada de 6º de Primaria do CEIP San Martiño (Salcedo) está de volta de todo isto. E moito máis.

Por iso os 23 alumnos desta clase que titoriza Fátima Sampayo veñen de proclamarse vencedores do concurso Ciberseguridade no cole, cuxa final se celebrou na tarde do pasado mércores na Cidade da Cultura, enmarcado no encontro galego de ciberseguridade

Esta primeira edición do certame, promovida por Telefónica, pechouse coa participación de máis de 1.600 rapaces e rapazas en 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.

undefined

A directora da Amtega, Mar Pereira, destacou o nivel demostrado polos participantes, felicitou aos gañadores e tamén aos profesores e os centros educativos por fomentar a participación no concurso e o bos resultados, reflexo do traballo nas aulas.

Así mesmo, sinalou que a celebración deste tipo de actividades é fundamental para fomentar ás vocacións tecnolóxicas e o talento dixital e lembrou que o sector tecnolóxico ten unha demanda moi elevada de novos especialistas e que "precisamos dunha canteira de talento especializado para afrontar a transformación dixital".

Experiencia. Na final, na que contou co apoio de todos os compañeiros do colexio, o equipo de Salcedo, capitaneado por Mara Gómez e Diego Solla -elixidos por consenso entre toda a clase-, impúxose aos representantes do CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo, A Coruña) e do CEP Altamira (Salceda de Caselas).

Ata a semifinal chegara tamén outro equipo do San Martiño, de 5º, explicou este xoves a directora do centro, Patricia Sampayo. "Eran preguntas relacionadas coa ciberseguridade con catro alternativas de resposta a través da plataforma Kahoot e o importante era contestar o antes posible sen fallar". Na final foron seis cuestións e só deixaron unha sen responder.

undefined

"Estamos moi contentos e moi emocionados". Ademais do recoñecemento trouxeron uns premios para o colexio (un Ipad e unha tablet Samsung) e outros individuais, como tarxetas antivirus ou material como cuncas e bolígrafos. Tamén recibirán unha charla sobre ciberseguridade, por se aínda lles queda algo por coñecer do tema.

A iniciativa xurdiu tras recibir unha proposta por correo electrónico e nin o dubidaron. "Neste centro levamos anos traballando as competencias dixitais: temos robótica educativa en todos os cursos, estamos no programa Digicraft... Estamos ao día neses temas e o claustro considerouno interesante".

Ademais o alumnado de 5º e 6º traballa a diario con portátiles en lugar de libros a través do E-Dixgal. "Hai uns coñecementos básicos que teñen que saber para desenvolverse na rede. Sabiamos que tiñan as competencias necesarias para enfrontarse ao concurso e así foi", subliña a directora.

Tras chegar á final apenas tiveron seis días para preparala de forma específica, pero, realmente, "isto vaise traballando na vida diaria e desde hai anos do centro. Apostamos polas novas tecnoloxías e hai cousas básicas nas competencias dixitais que teñen que saber". O Incibe, por certo, é o Instituto Nacional de Ciberseguridade.