As Escolas Asociadas da Unesco celebran actos polo Día do Medio Ambiente

O profesorado dos 15 centros galegos da rede, oito deles pontevedreses, reuniránse o 5 de xullo no Pazo da Cultura
Tino Fernández. DAVID FREIRE
photo_camera Tino Fernández. DAVID FREIRE

O profesorado dos 15 centros educativos de Galicia pertencentes á rede de Escolas Asociadas da Unesco (Rede Pea) reunirase o 5 de xullo no Pazo da Cultura co obxectivo de compartir experiencias educativas e programar novos proxectos nos ámbitos da Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Educación para a Cidadanía Mundial. O encontro, que busca reforzar a rede ao rematar o curso avaliando os proxectos realizados, consensuando novas propostas comúns e mellorando as iniciativas, enmárcase dentro das accións programadas polas Escolas Galegas para conmemorar, como cada ano, o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, dedicado en 2021 á Restauración dos Ecosistemas.

Tal e como subliña o concelleiro de Educación, Tino Fernández, a rede do Plan de Escolas Asociadas da Unesco "é unha rede mundial que conta con máis de 11.500 centros educativos en 182 países" e na que "están integradas 15 escolas galegas (colexios, institutos, conservatorios e unha facultade), oito delas pontevedresas, que teñen o compromiso de favorecer boas prácticas educativas e de integrar nas súas programacións a Educación para o Desenvolvemento Sustentable".

Segundo apunta Susi Enguídanos, coordinadora de Escolas Asociadas da Unesco, "os alumnos plantan árbores uns días, outros limpan a súa contorna ou cultivan o seu horto, ao tempo que se conciencian sobre a importancia dunha boa alimentación para a saúde e aprenden o que supón un consumo responsable". Ademais, colaboran en programas medioambientais do Concello de Pontevedra e outros proxectos como Residuos Cero, merendas saudables ou Trash Hack, da Unesco, entre outros.

Enguídanos asegura que a finalidade destes proxectos sociais e de aprendizaxe "é a formación dunha cidadanía responsable que desenvolva un estilo de vida que favoreza o benestar das persoas e, por suposto, a conservación do medio ambiente".