Lores aposta por unha sociedade mellor

As escolas galegas da Unesco cítanse no Pazo da Cultura de Pontevedra

Na cita participan 168 rapaces de Primaria e Secundaria de toda a provincia. Dirixen o encontro 20 profesores e cinco observadores da Universidade do Baixo Miño
Preto de 200 persoas participaron este xoves na primeira xornada deste encontro.
photo_camera Preto de 200 persoas participaron este xoves na primeira xornada deste encontro.

Mariña ten oito anos e estuda no CEIP Isidora Riestra de Poio. Este xoves estivo no Pazo da Cultura e exerceu, xunto a Pablo, como portavoz de todos os nenos que participan no Encontro de Escolas Asociadas da Unesco, que o xoves e o venres se está a desenvolver en Pontevedra. Mariña asegurou que era unha "aventura" poder participar nun encontro deste tipo e recoñeceu que os nenos teñen "un reto por diante: pedir aos organismos competentes que loiten para que se cumpran os dereitos dos nenos".

Coas súas verbas conseguiu que os aplausos soasen durante un bo anaco entre as butacas do Pazo da Cultura. Tamén foi moi louvado Pablo, de doce anos, estudante do IES Luís Seoane de Monte Porreiro. O rapaz amosou a súa ledicia por estudar nunha escola asociada á Unesco, na que ademais de Matemáticas ou idiomas, tamén aprenden "a ter unha opinión propia" e a saber "responder ás inxustizas. Hai moito que facer, pero ao formar parte desta rede de escolas estamos no camiño".

Aprender a compartir, a convivir e a repatir o coñecemento para que "outros alumnos tamén poidan aprender das nosas experiencias" é, en resumo, o que este mozo do Luís Seoane espera deste encontro.

Durante estes dous días, 168 alumnos realizarán obradoiros moi diversos nos que traballarán conxuntamente con rapaces de outros oito centros educativos. Estarán dirixidos polos 20 docentes que participan tamén nas xornadas e contan tamén con cinco observadores da Universidade do Baixo Miño (Portugal).

Comentarios