Cinco escolas viaxeiras... e saborosas

Estudantes de catro institutos de hostalería e turismo de Portugal completaron un treito do Camiño e degustaron receitas do Carlos Oroza

Uns 50 estudantes, acompañados de profesorado, en representación das escolas de hostelería e turismo de Viana do Castelo, Oporto, Lamego e Braga, percorreron este martes, xunto cun grupo de 20 alumnos de Guía turístico e profesoras do CIFP Carlos Oroza, a etapa do Camiño de Santiago entre Arcade e Pontevedra, onde a comitiva participou nun evento gastronómico na praza da Pedreira á que asistiron, entre outros, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e as concelleiras de Promoción Económica, Yoya Blanco, e de Sostemento de Espazos Urbanos, Eva Vilaverde. Con eles estivo o director do Oroza, Manuel Hermo, e posteriormente a vicedirectora, Pilar Tallón, que viña acompañando a comitiva.

Esta actividade encádrase no proxecto Cociñas Viaxeiras, un programa de cooperación, explica Hermo, que leva anos desenvolvéndose entre o Oroza e as escolas de hostalería da rede Turismo de Portugal, para o intercambio gastronómico e cultural e que se viu interrompido pola pandemia. Así, a actividade deste martes foi a continuación da iniciada no ano 2019, na que percorreron a etapa entre Castelo do Neiva e Viana do Castelo.

"Agora retomámola a través das Cociñas Viaxeiras e do Camiño de Santiago con moita ilusión e ganas de que teña a continuidade desexada, e poidamos seguir facendo etapas coas escolas portuguesas ata chegar a Santiago", explicou Pilar Tallón. De feito, "o ano que vén continúa para facer unha etapa entre Padrón e Compostela, onde tamén faremos un evento no que cociñarán os estudantes lusos".

Francisco Martins, alumno da escola de Porto, explicou en perfecto castelán, que el non era o mellor catador, pois é vexetariano, pero que estaba encantado coa camiñada e coa visita a Pontevedra. "Vinimos el lunes en autobús, dormimos en un albergue y hoy vinimos andando desde Arcade". 

Ariadna Oubiña e Laura Souto, alumnas de Guía, mostráronse "moi contentas" polo resultado da camiñada. "Chamáronlles á atención moitas cousas", como a ponte de Ponte Sampaio, e "foron moi reponsables. Motiváronse moito, é unha experiencia bastante enriquecedora para eles. E tamén para nós, porque nos poñemos en sitsuación do que teremos que facer no noso traballo".

XANTAR. Mentres uns camiñaban, uns 20 estudantes de Cociña traballaban arreo no propio centro para achegar ao contorno do pazo de Mugartegui un menú elaborado con produtos galegos e composto por "empanada, tortilla, miniburguer con tenreira galega e queixo de Arzúa, ensaladilla, pan con xamón da Cañiza e tomate, emparedado de atún e tosta de xarda en escabeche, ademais de tres ensaladas: de pasta, vexetariana e de froitos secos", explicou o profesor de Cociña Francisco Rodríguez, tamén coñecido como Paco Moreno. De sobremesas: leite frita, filloas recheas de crema, rosquillas, bica e brochetas de froita.

Uns 12 alumnos de Servizos encargáronse dos cócteles que completaron a oferta: un mojito galego, chamado así por levar licor café, aínda que o alcohol era opcional e estaba reservado nunhas pipetas para poder engadilo ao gusto; e un San Francisco composto por zume de piña, laranxa e pexego, granadina e pedras de xeo. Así mesmo, repartiuse un picado de limón con palla de papel.

O menú foi coordinado polos profesores de cociña Paco Orge e Jorge Verdeal, á parte do propio Moreno. En canto ás bebidas, encargáronse da supervisión os profesores de cóctel e sala: Marcel Schaal, Carlos Rodríguez e Alejandro Loimil.

Degustación na Praza da Pedreira. BEATRIZ CÍSCAR
Degustación na Praza da Pedreira. BEATRIZ CÍSCAR

Así mesmo, na PonteVan serviuse  pan bao de pulled pork (pan cocido ao vapor con carne de porco esfiañada) e tacos de polo picante. A food-truck do Oroza tamén acompañou á comitiva co avituallamento, pois á altura de Figueirido, explicou o director do Oroza, Manuel Hermo, servíronse barriñas enerxéticas de froitos secos e muesli elaboradas no propio entro educativo.

INTERCAMBIO. Nesta actividade participou tamén a profesora mexicana Daniela Barrera, da universidade El Claustro Sor Juana de México DF, participante do programa de intercambio Erasmus K107 promovido pola consellería de Educación. Este intercambio cultural e gastronómico foi propiciado polo contacto xurdido na visita que no ano 2017 realizou unha delegación pontevedresa a cidade de México, na que participou o alcalde e varios empresarios da cidade. Fai dúas semanas, foi o profesor do Carlos Oroza Francisco Rodríguez, quen visitou a universidade El Claustro, e participou das actividades gastronómicas brindadas polo centro, co obxectivo de aprender uns dos outros sobre gastronomía, enoloxía e valorar o intercambio de estudantes en vindeiros cursos.