"Escribo dende a heterodoxia por ser muller e facelo en galego"

Inma López Silva recolle o premio Francisco Fernández del Riego no Café Moderno cun discurso en defensa da lingua e o xornalismo
Inma López Silva xunto aos membros do xurado, o presidente de Afundación e outras autoridades. GONZALO GARCÍA
photo_camera Inma López Silva xunto aos membros do xurado, o presidente de Afundación e outras autoridades. GONZALO GARCÍA

Cun discurso en defensa do xornalismo en tempos de fake news e deixando clara a súa posición do mundo como muller que escribe en galego recibiu Inma López Silva o XVI Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo. "Escribo dende a heterodoxia porque son muller e dou unha visión do mundo diferente e porque escribo en galego, unha lingua á que se lle negou a posibilidade de contalo todo", explicaba onte López Silva no acto de recollida do galardón, que tivo lugar no Café Moderno de Pontevedra.

"Escribir en galego e non facelo para falar de pombas e flores, tratando como unha lingua ao mesmo nivel que o inglés, é un acto de rebeldía", continuaba a autora do artigo Terra rota, que fala sobre a indiferencia da poboación europea cara a problemas do continente africano e que foi publicado en abril de 2018 en La Voz de Galicia.

Do mesmo xeito, López Silva fixo referencia ao autor que lle dá nome ao premio dicindo que "cría no poder da literatura para axitar conciencias, algo que tamén comparte co xornalismo", explicou. Ademais, valorou o traballo de "quen di que o rei vai espido e mira fóra do rabaño", sobre todo en tempos de fake news, control político e económico dos medio e "coa pantasma do totalitarismo presente". Contra isto, "hai un xornalismo que ofrece olladas deslumbrantes e sorprendentes sobre o mundo", sinalou a autora.

Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago de Compostela no 1978. Na universidade da súa cidade natal licenciouse e doutorou en Filoloxía. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbona , actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

No acto, acompañaron á premiada o Presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, quen abriu o acto dando a benvida e "honramos con actos como o de hoxe o legado daqueles interlocutores, artistas, escritores e pensadores, para continuar fomentando e recoñecendo o oficio de escribir, o papel fundamental do xornalismo de opinión que mantén vivo o espírito crítico e a responsabilidade de pensamento dunha sociedade". Así, referiuse á importancia do pensamento e a reflexión nunha sociedade que confunde a felicidade coa compra de obxectos e na queson precisas voces que sinalen que "outro rumbo colectivo é viable". A continuación Carlos Valle, secretario do xurado, procedeu a ler a acta para dar paso ao presidente do xurado, Alfredo Conde, quen destacou o compromiso de Afundación coa cultura "a decisión de revitalizar o premio fala por si mesma da actitude da Obra Social de Abanca coa cultura galega. Esperamos que este compromiso se vexa honrado co aumento de participantes na vindeira convocatoria". Neste sentido, referiuse á decisión de diferenciar o premio Julio Camba, para artigos en castelán, do Francisco Fernández del Riego, "que adquire maior entidade e solidez despois de estar relativamente solapado ao premio Julio Camba", tal e como explicou Conde, que engadiu que a continuidade deste premio está "dignamente asegurada", polo que animou aos columnistas de Galicia a participar no mesmo.

No peche do acto, José Manuel Blanco, director de Relacións Institucionais de Ámbito Cultural de El Corte Inglés en Galicia e Asturias, agradeceu a "oportunidade de poder contaxiarme durante unha mañá deste fervor creativo".

Comentarios