O escritor, docente e crítico de cine Miguel Anxo Fernández, o xoves en 'Conversas na Uvi'

O ciclo de encontros abertos ao público que organizan o Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo cambia a data habitual este mes

Miguel Anxo Fernández. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Anxo Fernández. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, novelista e crítico de cine Miguel Anxo Fernández será o vindeiro convidado nas Conversas na Uvi, que este mes cambian a súa tradicional data dos martes. Deste xeito, a entrevista, que conducirá a xornalista Chus Gómez, terá lugar o vindeiro xoves, 28 de febreiro. Será ás 20.00 horas na Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Entre outras cousas, Fernández é autor dunha saga de xénero negro protagonizada polo detective Frank Soutelo, aínda que tamén ten premios como o Blanco Amor, pola novela Blues para Moraima.

Conversas na Uvi é o ciclo de encontros abertos ao público que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e Universidade de Vigo. No que vai de curso acolleu a entrevista de Ramón Rozas, coordinador da proposta, ao director e fundador da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros, e continuou co columnista Rodrigo Cota falando co candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, en novembro, e coa xornalista María Varela fronte á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en decembro.

O ciclo retomouse en xaneiro coa conversa entre o xornalista Serafín Alonso e a concelleira Pilar Comesaña e tamén está pechada a cita de marzo. Será o día 26 cando o columnista Rafa Cabeleira entreviste a Gerardo Lorenzo. O empresario e promotor forma parte dunha das sagas familiares de máis sona de Pontevedra.

"O noso obxectivo é o mesmo co que se puxo a andar este ciclo: abrir ao público un encontro entre xornalistas do Diario e persoas de Pontevedra, ou vinculadas á cidade, relevantes no seu ámbito, pero ás que moitas veces non é sinxelo escoitar ou coñecer fóra do seu, digamos, ecosistema", explicaba Ramón Rozas á hora de poñer en marcha esta edición.

"Do que se trata, a través dun formato distendido, é de descontextualizar a estes personaxes e que se sintan cómodos para falar tanto da súa vida como da súa profesión, pero dende un punto de vista menos oficial".