lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Unha escultura homenaxea a Daría González no colexio que leva o seu nome

A presidenta da Deputación dirixíndose á familia Bóveda no acto no CEIP Daría González. DEPUTACIÓN
A presidenta da Deputación dirixíndose á familia Bóveda no acto no CEIP Daría González. DEPUTACIÓN
"As nenas e nenos precisan de referentes, e Daría foi unha muller pioneira", reivindica Carmela Silva  A familia Bóveda respaldou o acto

Unha escultura de granito coa sinxela inscrición Daría González. Mestra preside dende este martes a fachada do Colexio de Educación Infantil e Primaria, anteriormente Príncipe Felipe, que dende hai un ano leva o nome desta mestra e política pontevedresa por iniciativa do seu Claustro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu ao acto de inauguración acompañada de familiares da homenaxeada, co seu fillo Francisco Cerviño á cabeza, e xunto ao alumnado e profesorado do centro. Entre as persoas asistentes estaba tamén a familia de Alexandre Bóveda, representada pola súa filla Amalia e o seu neto Valentín. A representación institucional contou co delegado de Educación, César Pérez Ares; a deputada Noemí Outeda; o director do Centro Príncipe Felipe, Manuel Cendón e a directora do colexio, Elvira García.

Silva destacou, tralo descubrimento da peza, o valor da palabra mestra, "a máis fermosa que existe" e destacou o carácter pioneiro de Daría González, "mestra en tódolos sentidos da palabra, pois utilizou métodos pedagóxicos pioneiros, educando dende a experiencia".

"Foi unha pioneira, na Educación, na Política, na súa formación académica (moi poucas mulleres estudaban daquela) e no seu compromiso por unha sociedade en Xustiza e en Igualdade". Despois de agradecer a iniciativa do Claustro, dirixíndose a todo o profesorado e á directora, agradeceu a numerosa presencia de varias xeracións da familia, con Francisco ("Tuco") Cerviño á fronte. Ademais tivo unha alusión moi agarimosa á familia Bóveda "que, en canto soubo deste acto, pediu estar".

O seu feminismo tamén se manifestou na actividade política, pois ingresou no Partido Galeguista en 1931 "cando tiña centos de homes e só dúas mulleres, unha delas Daría"

Francisco Cerviño tamén quixo dar as "grazas máis efusivas" ao Claustro do colexio e á Deputación por ter contribuído a poñer en valor a memoria da súa nai coa homenaxe celebrada o pasado mes de xuño, co nome asignado ao centro educativo e agora coa instalación desta escultura. No seu repaso á biografía da homenaxeada subliñou que foi unha das primeiras mulleres en cursar estudos universitarios "para converterse en protagonista da súa vida e buscar o seu propio camiño á felicidade". "Daría nunca entendeu o papel subordinado das mulleres", recalcou.

O seu feminismo tamén se manifestou na actividade política, pois ingresou no Partido Galeguista en 1931 "cando tiña centos de homes e só dúas mulleres, unha delas Daría". "Quedou no exilio interior durante a Ditadura e reapareceu nas primeiras Eleccións como concelleira de Pontevedra, converténdose así nunha política, algo moi raro daquela", indicou.

MÉNDEZ-FERRÍN. Tuco Cerviño, que rememorou as visitas ao cemiterio de San Amaro para visitar a tumba de Bóveda xunto coa súa nai, reivindicou a Política diante do alumnado: "Nenos e nenas, non desprecedes a Política, pero esixide que se faga como a facía Daría, como un servizo aos demais".

Unha cita de Méndez Ferrín, ex-alumno de Daría González con motivo do seu pasamento pechou a intervención: "Muller galeguista e ceibe, á que lembraremos sempre cun sorriso nos beizos".

QUEN ERA DARÍA? A homenaxeada (Pontevedra 1912-1999), mestra, política e galeguista, naceu no seo dunha familia republicana e progresista. Militou no Partido Galeguista durante máis de 50 anos (1932-1983); foi elixida concelleira de Pontevedra por Unidade Galega nas primeiras Eleccións democráticas (1979) e exerceu como tenente de alcalde de Cultura. Foi merecente dos premios Cidade de Pontevedra e Amigos de Pontevedra.

Daría González participou na fundación do Colexio da Inmaculada onde impartiu a docencia, algo que tamén fixo nos institutos de Marín e Pontevedra. Foi fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao e estivo vinculada ao Museo de Pontevedra.

Unha escultura homenaxea a Daría González no colexio que leva o seu...
Comentarios
ç