Oito esculturas de Orbil visibilizan a transformación da Boa Vila

Hoxe empeza o Congreso de Mediación Lectora do Salón ? Esgotadas as entradas dalgunhas actividades
Un Orbil en Afonso XIII. DP
photo_camera Un Orbil en Afonso XIII con Carmen Fouces. DP

O Salón do Libro xa se está a deixar sentir en Pontevedra. Por segundo ano consecutivo, o Concello vén de instalar a súa Orbil Parade na cidade, desta volta coa finalidade de destacar diferentes puntos da cidade que son exemplo de sostenibilidade, posta en valor do espazo público para goce da cidadanía e especialmente da cativada.

A rúa Afonso XIII , as prazas de Ourense, Barcelos, Teucro, As Regas, a renovada Ponte do Burgo e a Illa do Covo son os lugares escollidos que aparecerán sinalados nun mapa –deseñado por Tania Solla– que facilitará ás familias o seu descubrimento. Tamén contará cun reforzo en formato audiovisual que explicará curiosidadas sobre os emprazamentos escollidos e outros lugares destacados da cidade como os parques forestais da Fracha, Tomba e Pontillón do Castro recentemente reacondicionados.

Dentro do propio Salón, permanecerá a estatura en branco para que, tal e como se fixo o ano pasado, a cativada poida decorala con ceras de cores.

Os Orbil que hai repartidos pola cidade non son o único indicio de que o Salón está a piques de chegar. Así, na mañá do mércores puxéronse a disposición do público as entradas das actividades do Salón que terán lugar entre este venres e o 28 de abril. Segundo informaron desde o Pazo da Cultura, xerouse moita expectación e pese a que un percance técnico retrasou o seu lanzamento un par de horas, aos poucos minutos xa había eventos con prazas esgotadas. "Había moita gana de Salón", apuntou a organización, que aproveita para lembrar que todas as actividades do programa serán de balde pero dadas a situación actual e as restricións, é preciso realizar esta reserva de entradas mesmo para visitar a Sala de venres a domingo.

De feito, xa avanzan que venres, logo do espectáculo inaugural que terá lugar ás 18.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, non terá lugar a tradicional apertura de portas da man da mascota nin a posterior visita, para evitar amoreamentos.

CONGRESO. Adiantándose á inauguración do Salón do Libro, este xoves xa bota a andar o III Congreso Internacional de Mediación Lectora do Salón que terá lugar en liña grazas á colaboración da Universidade de Vigo e que, un ano máis, esgotou as 150 prazas dispoñibles.

Dende a organización apuntaron ademais que este formato posibilitou que se anotaran persoas de fóra de Galicia e tamén de outros países.

Comentarios