Despois do éxito de asistencia da ruta inaugural do pasado 19 de setembro, que discorreu polo contorno do río Lérez e no que participaron máis de 150 persoas, o programa Ponteandadas 2021, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde dentro do proxecto A Vida é Movernos, regresa este domingo 10 de outubro cunha camiñada polo río dos Gafos que percorrerá a zona de Cabanas (na parroquia de Salcedo).
As prazas para tomar parte no roteiro están xa esgotadas, o que pon de manifesto a elevada demanda dunha iniciativa que terá continuidade o 24 de outubro cun percorrido polos montes da Fracha, o 7 de novembro polo encoro do Pontillón do Castro (Verducido) e o 21 de novembro polo parque forestal da Tomba.
En todos os casos, as saídas son ás 10.00 horas. Para inscribirse nas rutas con prazas é preciso enviar os datos dos participantes ao enderezo de correo electrónico [email protected], a través do Whatsapp 625 482 636 ou a través das redes sociais do Concello de Pontevedra.