Esgótanse en tres horas as prazas para as visitas polo 'Patrimonio Invisible'

Só fixo falta un minuto para que se cubriran as 75 vacantes para coñecer Santa Clara
2020071111295891932
photo_camera Convento de Santa Clara. DP
A convocatoria da Semana do Patrimonio Invisible causou gran expectación en Pontevedra. Só fixo falta un minuto para que se cubriran as 75 prazas dispoñibles inicialmente para visitar o convento de Santa Clara e en 10 minutos quedaron completas tamén as habilitadas para os segundos grupos.

O prazo de inscrición abríase ás nove da mañá do venres e ante a rapidez coa que se completaron as 270 prazas ofertadas inicialmente para as 18 visitas do programa, o Concello e a empresa de xestión cultural Trivium decidiron ampliar o número de persoas admitidas. Así, mantendo o horario de cada visita organizaranse dous grupos en cada unha das visitas, que iniciarán o itinerario en puntos diferentes e realizarán o percorrido a través dos mesmos elementos pero en distintos momentos e sen que se produzan interferencias entre os grupos.

Despois do convento de Santa Clara, as seguintes prazas en esgotarse foron as das visitas ao pazo de Mugarteguis; seguidas das de Villa Pilar e o colexio Sagrado Corazón de Placeres. As visitas ao cemiterio de Santo Amaro completáronse ás 12.08 horas.

A Semana do Patrimonio Invisible, organizada pola Concellaría de Patrimonio Histórico terá lugar os días 16, 17 e 18 de xullo e permitirá coñecer algúns dos tesouros patrimoniais da cidade accedendo a cinco espazos culturais que, ou permanecen pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público.

Así, nesta primeira edición visitaranse o convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Praceres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar, co obxectivo de achegar o valor do patrimonio cultural de Pontevedra á veciñanza da man de guías especializados.

Comentarios