Esixen ao Sergas o rescate da concesión do servizo de traslados en ambulancia da área sanitaria

O comité de empresa de Ambulancias Civera denuncia a falta de material básico e o uso de vehículos que non pasaron a inspección sanitaria ou a ITV
Rolda de prensa celebrada no local da CIG
photo_camera Rolda de prensa celebrada no local da CIG

Representantes sindicais de Ambulancias Civera, a empresa concesionaria do servizo de transporte sanitario programado na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, solicitou este xoves ao Sergas o "rescate da concesión".

Segundo denunciaron catro dos cinco delegados do comité na sede da CIG, a solicitude de rescate débese a "graves e constantes incumprimentos" nas condicións do contrato como, por exemplo, a falta de material básico, o empleo de material caducado e o uso de vehículos que non pasaron a inspección sanitaria ou a ITV.

Acompañados de Xavier Aboi, secretario da FGAMT-CIG, os traballadores denunciaron tamén o deterioro das condicións laborais que sofren desde que hai ano e medio a Xerencia da Área Sanitaria contratou a esta empresa, "dirixida desde Valencia". Segundo denunciaron, o concurso xa se presumía "deficitario", posto que "foi licitado por 19 millóns" durante un prazo máximo de cinco anos, e con sete ambulancias menos respecto ao anterior concurso. Unhas condicións que, segundo os delegados, influíron "notablemente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos”.

Infraccións

Os denunciantes aseguraron que Ambulancias Civera é unha empresa “totalmente desorganizada e sen coordinación" que “só viu especular, sen importarlle a calidade da atención aos doentes nin a profesionalidade do noso sector”.

Segundo denunciou Aboi, a irregularidade máis grave que sucedeu nos últimos días é que hai unha semana a Xerencia solicitou á empresa que habilitara unha ambulancia para traslados polo cambio do TAC do Hospital do Salnés e unha Uvi móbil para casos urxentes. E que, sen embargo, a compañía só puxo a disposición unha ambulancia de calificación inferior á requerida e unha Uvi móbil que non pasou a inspección sanitaria desde abril. 

Segundo o sindicato, esta última carece de material e dos dous extintores que son obrigatorios só ten un "e caducado, ao igual que os soros". Ademais, Aboi subliñou que este vehículo "segue a traballar en Vilagarcía, trasladando pacientes con urxencias vitais", e que o pasado martes a Policía Local dese concello levantou acta por infracción moi grave tras inspeccionar a ambulancia. 

O secretario comarcal, que esixiu a depuración de responsabilidades, engadiu que onte mesmo un vehículo da empresa que foi pasar a ITV quedou inhabilitado para circular na vía pública polas numerosas deficiencias que presentaba, "pero hoxe está a traballar".

Faltan ambulancias

A situación xa desembocou en marzo nunha convocatoria de folga, que non se chegou a efectivizar tras chegar a un principio de acordo coa empresa que foi asinado por ambas as partes. Neste acordo establecíase o compromiso de mellorar as deficiencias da base no relativo a uniformes, taquillas, duchas e prevención de riscos, así como a respectar a antigüedade nos contratos e ampliar a contratación. Porén, a comezos de setembro os traballadores volveron facer mobilizacións para denunciar que despois de seis meses seguían tendo só unha ducha para 80 traballadores, os uniformes non eran homologados, o dormitorio era mixto para compañeiras e compañeiros, non había taquillas nin sitio onde lavar a louza, "o que obriga a facelo nos baños".

Aboi indicou este xoves que a roupa de traballo estivo almacenada na base un mes e que a empresa só empezou a repartirla (esta semana) tras coñecer que había unha denuncia en Inspección de Traballo. Ademais, precisou que as obras na base continúan sen rematar e que "normalmente a concesionaria ten operativas menos ambulancias das que marca o concurso". Segundo dixo, no que vai de mes de novembro faltaron en total 24 ambulancias, cada unha delas oito horas, por diversos motivos, como avarías ou falta de persoal "porque non cobren baixas nin vacacións", ou pola prestación de servizos privados. 

Comentarios