Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Un espazo "aberto ao debate real, plural e diverso"

En Marea celebra en Pontevedra a súa Escola Unitaria de Verán, centrada no urbanismo, o desenvolvemento económico e Europa

A Escola Unitaria de Verán de En Marea comezou o sábado no Café Moderno de Pontevedra como un espazo "aberto ao debate real, plural e diverso", como explicou o voceiro do partido, Luís Villares, ademais de ser un "punto de encontro para reflexionar sobre os temas políticos que máis nos interesan como espazo político".

Este encontro prodúcese como antesala dos actos programados por En Marea de cara ao Día da Patria, o 25 de xullo —que terán lugar en Santiago—, e aborda aspectos relacionados co urbanismo, a cultura, o desenvolvemento económico e o marco europeo. Así, ao longo da mañá do sábado desenvolvéronse diferentes mesas sobre urbanismo e desenvolvemento local, coa presenza de figuras como o arquitecto Xosé Allegue, o profesor de Xeografía da UVigo Pepe Constenla, a profesora de Arquitectura da UdC Enma López Bahut ou o antropólogo e consultor cultural Marcos Lorenzo.

Xa pola tarde, o encontro serviu para falar das alternativas políticas, a esperanza ou a necesidade de buscar un punto común entre partidos. Así, após a moción de censura e o cambio de Goberno central que, segundo Villares, xerou "un momento de alegría social e alivio por sacar ao PP do poder", o portavoz de En Marea apostou polo encontro "coas demais forzas políticas" para "fomentar o debate e que a sociedade vexa que é posible unha alternativa integral en Galicia ao PP".

Para rematar o día, a Escola Unitaria de Verán contou coa intervención da portuguesa Joana Mortágua, de Bloco de esquerdas, e co histórico dirixente Xosé Manuel Beiras para falar "da conciliación entre o activismo e a actividade institucional".

Ao longo do domingo, a cita, con mesas "abertas ao conxunto da cidadanía e ás que calquera persoa pode vir, escoitar, preguntar ou participar", farase unha reflexión sobre a Unión Europea e "o propio momento que estamos a vivir como En Marea e como camiñamos cara a consumación dun espazo de traballo que queremos que sexa o espazo do futuro", como explicou Villares.

A última sesión destas xornadas, que terá lugar á tarde do domingo de man do propio Villares e que leva por título A república do mar, está reservada a "reflexionar" sobre a situación actual de En Marea e sobre como enfocar o "espazo do futuro" e a necesidade de ir "sumando esforzos e, pinga a pinga, constituíndo ese mar republicano e libre que queremos ser como En Marea para o noso país", adiantou Villares. Das conclusións da Escola Unitaria sairá tamén a decisión sobre a periodicidade coa que se celebrará e a posibilidade de "rotar polas diferentes vilas e cidades de Galicia como escola de verán e de inverno".

Durante o encontro tamén houbo tempo para o esparexemento. De feito, onte os participantes tiveron a posibilidade de facer unha visita ao Museo de Pontevedra e, xa pola noite, a cea foi acompañada de cantos de taberna. Ademais, este domingo, a partir das 16.00 horas, realizarán un roteiro denuncia por Lourizán e Os Praceres "contra a celulosa e as distintas agresións a este barrio".

Un espazo "aberto ao debate real, plural e diverso"
Comentarios