"O espazo público é un elemento de democracia e por iso debe ser das persoas"

"Se queremos combater o cambio climático, debemos preguntarnos por que temos que desprazarnos tanto" 
Carlos Moreno, montando en bicicleta nunha rúa de París. DP
photo_camera Carlos Moreno, montando en bicicleta nunha rúa de París. DP

Carlos Moreno é urbanista, asesor da alcaldesa de París e teórico da Cidade dos 15 minutos. Así, o experto participou esta semana na Facultade Ágora da Deputación, unha inicitiva pedagóxica que definiu como "moi necesaria" para "cambiar o noso modo de vida, que será a solución real aos desafíos que se plantexarán nos próximos anos". 

Define a pontevedra como unha cidade "inspiradora" por ser "viva, vibrante, que camiña, que lle dá prioridade aos seres humanos e que construíu un proxecto no tempo formidable" e está convencido de que ese modelo se pode e se debe estender ao resto do territorio.

Que é A cidade dos 15 minutos, o territorio de media hora?

Podemos definilo como a proximidade feliz. A tecnoloxía é unha ferramenta moi poderosa, pero xa non pode resolver problemas complexos, como a maneira na que vivimos nas nosas cidades e territorios, polo que temos que dar prioridade ao desenvolvemento durable, que é unha resposta baseada na converxencia de tres elementos: ecolóxico, económico e social. O primeiro, para responder á gran ameaza do cambio climático, que nos leva a darlle prioridade a unha vida coa menor emisión de CO2 posible. O segundo, con novos modelos económicos diferentes ao tradicional, baseado en distancias moi longas entre o lugar de traballo e o lugar de residencia, quitándolle así tempo útil ás persoas. O terceiro, porque non podemos continuar con territorios nos que se practican a exclusión, a violencia de xénero, as ameazas á democracia, o racismo... Tendo en conta todo isto, propuxen co meu equipo un concepto baseado en cambiar o ritmo de vida urbano para dar unha resposta máis axeitada á loita polo clima.

Cal é esa resposta?

Esa loita non só precisa que poidamos ir máis rápido e máis lonxe con baixas emisións de carbono, senón preguntarnos por que temos que desprazarnos tanto, por que os nosos postos de traballo están tan lonxe, por que carecemos de servizos na proximidade obrigándonos a facer longos desprazamentos. Se queremos combater con forza o cambio climático, é mellor preguntarnos como reducir a propia mobilidade, pasando da mobilidade obrigada á escollida. Durante moito tempo cambiamos a infraestrutura da cidade; na realidade de hoxe en día o que temos que cambiar é o noso xeito de vivir nela: crear proximidade, ecoloxía de baixo carbono, explorar todos os recursos, darlle máis uso a infraestruturas que se están a utilizar só para unha cousa, revitalizar as economías dos barrios, instalar comercios de proximidade, levar o arte e a cultura á proximidade, propoñer centros de saúde cerca de onde vive a xente... Por iso propuxen un modelo baseado en seis funcións sociais urbanas: habitar, traballar, mercar, a saúde física e mental, a educación e a cultura e o lecer. Se temos estas seis cousas preto (a 15 minutos a pé ou en bicicleta en zonas densamente poboadas ou a media hora en territorios de densidade media e baixa) estamos a favorecer contornas máis apacibles, con menos CO2, máis vínculos sociais e menos estrés.

Como se pode aplicar esta teoría nun territorio como a provincia de Pontevedra, onde hai vilas que non teñen un centro, senón unha poboación espallada por unha superficie moi ampla?

O concepto é a proximidade. Aquí falamos de densidades de poboación medias ou baixas que non nos permiten dicirlle á xente que ten que ir aos lugares a pé ou en bicicleta. Por iso falamos de mapear a provincia de Pontevedra para identificar os lugares de residencia, de traballo, de compras, de acceso á saúde, de educación e cultura e de lecer. Para facer este mapeo, na nosa cátedra da Sorbona creamos unha ferramenta baseada en cartografías dixitais, exploración de recursos e intelixencia artificial que nos permite examinar todos os recursos que existen e clasificalos en áreas xeográficas, en funcións sociais e, a partir de aí, imaxinar a accesibilidade en media hora a eses servizos. Imos construír o que chamamos unha matriz de equilibrio, primeiro co diagnóstico, observando que hai áreas de desequilibrio nas que faltan tales servizos ou sobran outros. Despois, sobre esa base, podemos establecer unha estratexia de balanceo, propoñendo dotar a eses lugares dos servizos que faltan para poder ter uns círculos concéntricos que permitan esa accesibilidade en media hora. O que falta temos que propoñelo como servizos públicos, privados baixo delegación pública, totalmente privados ou dixitais. A partir de aí construímos un máster plan de reequilibrio territorial, é dicir, estamos construíndo unha malla territorial, pasando de ter ocos moi grandes (entendendo por eses ocos a ausencia de todos eses servizos) a unha co mínimo de ocos. Esa é a folla de ruta nunha provincia como Pontevedra, integrando tanto os recursos que existen como as mobilidades para cubrir os ocos, que teñen que ser de baixas emisións de carbono: evitar o coche diésel privado no que viaxo só e optar por coches eléctricos, compartidos ou liñas de autobús baixo demanda.

Unha das bases do modelo Pontevedra e que tamén se proxecta a través da Facultade Ágora é que o espazo público ten que ser un dereito da cidadanía equivalente á educación e á sanidade, porque é o único espazo do que pode gozar todo o mundo.

Teñen toda a razón. O espazo público é o elemento maior da democracia e xera a posibilidade de darlle a cada quen unha presenza urbana recoñecida. Por iso é importante que o espazo público non sexa propiedade dos automóbiles que pasan sen deterse nunca e que non achegan valor, senón que sexa un espazo de vida. O principal instrumento de formación dos espazos públicos é que non sexan espazos de paso, senón de vida, creadores de vínculos sociais e de elementos con baixa pegada de CO2: vexetalización, auga, vínculo social, cultura, educación, patrimonio histórico, actividade comercial de proximidade... É a teoría do espazo público valorizado pola cantidade de encontros que xera. Nun que non permite o encontro entre a xente, a calidade de vida é ínfima.

"Necesitamos que as gobernanzas locais estean impregnadas desta visión" 

Na anterior xornada da Facultade Ágora dúas cuestións que se puxeron sobre a mesa foron a urxencia á hora de levar a cabo os cambios de paradigma sobre o espazo público e a necesidade dunha vontade política para facelo. Canto cre que isto último inflúe no primeiro?

Ningún cambio de paradigma se produce por xeración espontánea, necesita motores, impulsores, xente convencida de que este mundo no que vivimos non é durable e de que o cambio ten que pasar por novas prácticas e usos. Ese é o papel das gobernanzas locais e necesitamos que estean impregnadas desta nova visión para que a poñan en marcha. Cando chega unha nova idea non sempre é popular inmediatamente. Un gran pensador dicía que nun proceso innovador hai tres fases: a primera é cando se plantexa e vai contra corrente e todo o mundo cre que é unha loucura; a segunda é cando comeza a amosar que ten sentido e a xente di que iso xa o vira dese xeito, e a terceira é cando o cambio xa se volve xeralizado e incluso plantexalo parece unha vanalidade. Coa recuperación do espazo público, necesitamos que as gobernanzas locais asuman esa primeira fase.

Comentarios