A espera para cirurxía xeral e dixestiva é a menor do CHOP e a de Trauma a maior

A demora media para unha operación na EOXI é de 34,6 días e para primeira consulta, de 29,8

Un dos quirófanos do Hospital Provincial. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un dos quirófanos do Hospital Provincial. J. CERVERA-MERCADILLO

A Estrutura de Xestión integrada de Pontevedra e O Salnés mantense como a área sanitaria cos tempos medios de demora para, intervencións cirúrxicas de primeiras consultas e primeiras probas diagnósticas, máis baixos de todo o sistema sanitario público galego. Os datos oficiais que o Servizo Galego de Saúde fixo públicos, o pasado venres, reflicten que a demora media para unha operación é de 34,6 días (34,8 no CHOP e 34 no Salnés), é dicir, 25,2 menos que a media de todo o Sergas.

Nos centros da capital do Lérez, os servizos con menor agarda son Cirurxía Xeral e Dixestiva (25,8 días de media) e Xinecoloxía (27,3 días), mentres que as especialidades coas demoras máis elevadas son Traumatoloxía (41,6 días) e Dermatoloxía (39,4). No caso do Salnés, son Dermatoloxía (21,8 días) e Uroloxía (29) as que menor espera rexistran, e Xinecoloxía (38,4) e Otorrinolaringoloxía (42,2) as que máis.

A Xerencia destacou que eses tempos se reducen nos casos máis graves, designados como Prioridade 1, pois neles a media é de 9,3 xornadas, case seis menos que o conxunto do Sergas en Galicia.

Con todo, en comparación co primeiro semestre do ano pasado, a demora media no conxunto da área sanitaria incrementouse en 0,9 días. En concreto, a diferenza é de 1,7 días máis no CHOP, mentres que no Hospital do Salnés reduciuse en 2,5 xornadas.

En relación ás primeiras consultas, a agarda media sitúase nos 29,8 días (30,6 días no complexo pontevedrés e 25,7 días no hospital comarcal), novamente unha cifra por debaixo da media galega. En Pontevedra, os servizos con menor tempo son Obstetricia, Oncoloxía Médica, Endocrinoloxía, Medicina Interna e Cirurxía Xeral e Dixestiva, cun prazo inferior aos dez días. Pola contra, a única especialidade con maior demora, situada por riba dos 40 días, é Rehabilitación. No Salnés, os servizos con menor tempo medio son Pediatría e Uroloxía, mentres que no extremo contrario está Neuroloxía, por riba dos 40 días de espera.

As probas diagnósticas máis significativas tamén rexistran en Pontevedra e no Salnés tempos de agarda moi inferiores á media galega

No tocante ás citas para as primeiras probas diagnósticas, a espera media para o TAC na EOXI é de 31,6 días (no complexo hospitalario é de 27,3 e no Salnés de 33,5).

Para unha resonancia magnética hai que agardar unha media de 40 días, por unha ecocardiografía 31,8, para unha mamografía 29,3 e para a Radioloxía convencional 9,4. Con respecto á endoscopia dixestiva, a situación varía de forma sensible entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e o Hospital do Salnés, pois no primeiro a demora é de 34,9 días e no segundo de 15,7.

En comparación co primeiro semestre de 2017, a espera reduciuse na realización de probas de endoscopia dixestiva en 2,1 días e mantívose en 31,8 días na ecocardiografía. Pola contra, a demora media incrementouse lixeiramente para un primeiro TAC, resonancia magnética, mamografía e Radioloxía convencional.

A Xerencia da EOXI subliñou tamén o funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro de mama, colorrectal, de pulmón, de vexiga, de próstata, de otorrinolaringoloxía e melanoma, a través das cales foron atendidos 959 pacientes cuxos tempos de demora media se mantiveron por debaixo do obxectivo de 15 días, destacando o do cancro colorrectal, con 5,4 días de demora media.

GARANTÍA DE TEMPOS. No marco da lei que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, fíxase un compromiso cos pacientes de cara á resolución do seu problema nun prazo máximo de 60 días no caso de procedementos cirúrxicos e de 45 para primeiras consultas e probas. Se a calquera paciente con estes procesos non se lle pode programar a actividade asistencial nos prazos establecidos, ten dereito a ser derivado a calquera outro centro do Sergas no que se lle poidan garantir ditos tempos.

Este procedemento está en marcha dende o 11 de xaneiro e o grao de cumprimento por parte da EOXI de Pontevedra e O Salnés foi superior ao 99%, segundo sinalou a Xerencia.

Comentarios