A esperanza de vida das mulleres pontevedresas medra ata os 86,1 anos mentres a dos homes cae aos 79,6

O diferencial entre os dos sexos increméntase até en seis anos e medio

Dos ancianos paseando por un parque. ADP
photo_camera Dos ancianos paseando por un parque

A esperanza de vida ao nacer situouse en 2016 en Galicia en 82,78 anos, por riba dos 82,7 anos de 2015. Con todo, aprécianse diferenzas por sexos, xa que mentres nas mulleres sobe até os 86 anos, no caso dos homes volve baixar por segundo ano consecutivo e queda en 79,52 anos. 

Así figura nos datos provisionais publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), nos que se observa que o diferencial de esperanza de vida entre mulleres e homes increméntase até en seis anos e medio. 

No ano 2015 rompeu a tendencia alcista da esperanza de vida en Galicia da última década ao baixar até 82,7 anos (en 2014 foi de 82,92 anos). En 2016, houbo unha recuperación de 0,08 anos, pero debido ás mulleres. 

No tocante aos homes, a súa esperanza de vida chegou en 2014 ao seu tope desde o ano 2000 (79,73 anos), pero en 2015 baixou por primeira vez até 79,60 anos, mentres que en 2016 repítese ese descenso (79,52 anos). Respecto das mulleres, a cifra segue á alza con 85,71 anos en 2015 e 86 anos en 2016. 

A esperanza de vida ao nacer compútase como o número medio de anos vividos por unha xeración de nados baixo unhas condicións de mortalidade dadas.

PONTEVEDRA. Con todo, aprécianse diferenzas por provincias en 2016. E é que a subida xeneralizada de esperanza de vida no caso das mulleres non se produce en Ourense. As mulleres ourensás son as que teñen unha maior esperanza de vida (86,22 anos), pero en 2016 esa cifra baixou desde os 86,61 anos de 2015. Nas outras tres provincias, hai subida: A Coruña (85,87 anos), Lugo (86,01) e Pontevedra (86,10 anos). 

No caso dos homes, baixa a esperanza de vida na Coruña (de 79,29 a 79,19 anos) e Pontevedra (de 79,96 a 79,65 anos). En cambio, aumenta en Lugo (de 79,39 a 79,46) e en Ourense (de 79,97 a 80,32). 

Comentarios