Espírito de contradición con Nathy Peluso e Wöyza

As dúas artistas ofrecerán un concerto o 12 de xaneiro no Pazo da Cultura para abrir unha nova programación de temática feminista

PelusoA arxentina Nathy Peluso e a galega Wöyza actuarán en Pontevedra o 12 de xaneiro. Farano para abrir unha nova programación do Concello de Pontevedra con pegada feminista. O lema baixo o que se desenvolverá é Contrariadas. As entradas están á venda en ataquilla.com (15,25 e 18,25 euros).

"Serán arredor de tres ou catro espectáculos de música e teatro, ademais dun par de conferencias", explicou a concelleira de Cultura, Carme Fouces. "Do que se trata é de reunir novas promesas dese espírito de contradición xunto a outras que xa leven tempo traballando contracorrente". Para a concelleira, o obxectivo é facerlle sitio na programación a "novas músicas, novas olladas e novas transgresións". Segundo dixo, as protagonistas do ciclo serán "mulleres con moitísimo que dicir".

Nathy Peluso, que foi descrita por Fouces, como "unha súper cantante de orixe arxentina, das poucas que se atreven a achegarse ao trap ou ao reggaeton cun perfil feminista", ten 23 anos e está afincada en España dende 2004. Nos seus temas mestura rap, ritmos latinos, swing, blues e jazz. Este ano publicou o seu primeiro EP, La sandunguera, con gran repercusión nos medios (a súa entrevista no programa La resistencia ten máis dun millón de visualizacións). Entre os seus temas máis coñecidos están Esmeralda, o que lle dá título ao seu disco (que ten un vídeo no que parodia a actitude dos cantantes de hip hop e reggaeton) ou Corashe. Estivo actuando no pasado festival Sónar de Barcelona e, entre outros escenarios, pisou tamén o do Gaiás, onde actuou o pasado xullo, e o do Café Torgal de Ourense, a onde viaxou da man dos concertos Son Estrella Galicia.

CANTOS NA MARÉ. Peluso estará acompañada por Wöyza, que acaba de pasar polo Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré. A artista protagonizou nese evento un recital adicado ás músicas urbanas xunto a Capicua e Eva Rap Diva.

Wöyza, nacida en Moaña en 1984, é unha das voces femininas máis importantes do rap e do soul galegos. Comezou a traballar con El Puto Coke, unha referencia do hip hop en Vigo, a comezos do novo século. En 2008 publicou o seu primeiro traballo en solitario, Pisando el suelo que ves. No ano 2014 recibiu o Premio Martín Códax da Música de hip hop.

Comentarios