'Espírito Montuno', a campaña para promover o orgullo polo monte pontevedrés

Dita iniciativa xorde co obxectivo de dar a coñecer o anel verde da cidade a través da realización de actividades varias durante todo o mes de xullo 

 

undefined
photo_camera Vista á ría dende o mirador da Fracha. R. F (ARQUIVO)

O Concello quere poñer en valor os seus montes e convertelos en espazo de lecer, valorados e aprezados pola cidadanía. O concelleiro responsable da área, Alberto Oubiña, presentou este venres a campaña Espírito Montuno, indicando que será ''a imaxe desde hoxe dos parques forestais de Pontevedra''. Explicou que con esta campaña ''queremos dar a coñecer os espazos que conforman o anel verde perimetral da cidade, e promover que as pontevedresas e os pontevedreses nos acheguemos ao monte e que o valoremos''.

Tamén asegurou que coa campaña se intenta ''amosar o compromiso deste Concello cos valores de conservación e promoción das contornas rurais e a loita contra o cambio climático e, por suposto, que sintamos o monte como noso''.

Alberto Oubiña fixo especial fincapé na idea de ''espertar e reivindicar o orgullo pontevedrés que está moi presente cando falamos da cidade, pero queremos trasladalo tamén aos nosos montes''. Neste sentido, cualificou os tres parques forestais do Concello ''como os pulmóns da cidade e espazos nos que facer deporte ou actividades de ocio''.

Espírito Montuno vai ter continuidade nos vindeiros meses con diversas accións nas redes e nas rúas, incorporando unha web (montes.pontevedra.gal) na que poder consultar información relacionada con todos os parques forestais, como a localización ou curiosidades, e participar enviando fotografías para incorporalas nunha galería amateur.

''Queremos espertaro orgullo pontevedrés presente cando falamos da cidade e trasladalo tamén aos montes'', explica Alberto Oubiña 

A campaña compleméntase cun programa de actividades para todas as idades e en todos os parques forestais que darán comezo a vindeira semana. Todo o catálogo de eventos programados está accesible no web de montes, onde se poden consultar as características das mesmas, datas, idades de participación, material recomendado, así como o formulario de inscrición.

Entre a programación está un obradoiro de creación artística, outro de observación de aves, un roteiro guiado en bicicleta polo monte da Fracha, unha sesión de orientación nocturna, un encontro de natureza e creatividad ou unha visita ao encoro do Pontillón do Castro.

Ademais, tanto no deseño da campaña como na organización e desenvolvemento das actividades están implicadas máis de dez empresas e autónomos locais.

O Concello ten rematadas xa todas as intervencións previstas nos tres parques forestais do termo municipal de Pontevedra: A Fracha, A Tomba e o Pontillón do Castro. ''As obras de acondicionamento están rematadas e xa estamos levando a cabo labores de mantemento'', explicou o venres Oubiña. Estas intervencións implicaron, por exemplo, a colocación de tres miradores no parque forestal da Fracha con vistas á ría.

Comentarios