sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Espíritu de crítica e debate desde o instituto

A ningún lle chama a política, pero farían un bo papel detrás do atril. Non en van estes oito alumnos do IES Luis Seoane gañaron a final pontevedresa do Club de Debate e quedaron terceiros na galega

"SON CRÍTICOS de por si, non necesitaban un club de debate". É por iso que esta actividade lles vén perfecta. Pablo González Vidal, José Adrián González Sieiro, Vanessa Búa Núñez, Daniel Pais Macías, Pablo Ferrín Lorenzo, Alba Lorenzo García, Borja Piñeiro Aboy e Nicolás Gil Grandal son os integrantes do club de debate do IES Luis Seoane, que o pasado domingo conseguiu o terceiro posto na final galega celebrada en Carballo (A Coruña), a escasos puntos do segundo. Todos cursan 4º da ESO agás dous, que estudan 1º de Bacharelato. Manu Lourenzo e Luis Pereiro son os profesores que exercen como preparadores do equipo. O de Monte Porreiro é o único instituto que participou en todas as edicións do certame en Pontevedra.

Pereiro explica que a idea de participar xurdiu tras recibir a invitación da Concellería de Dinamización Lingüística. "Chamounos á atención porque nos pareceu un exercicio de formación, de tolerancia, de responsabilidade cos rapaces, de busca de moita información". Das seis edicións gañaron en catro ocasións e as outras quedaron segundos, terceiros e colistas. O ano pasado quedaron campións galegos.

O habitual é que o equipo estea formado por alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, non obstante, apunta Pereiro, "esta foi unha boa promoción en 3º e xa son veteranos".

As razóns polas que os rapaces se animaron a apuntarse na iniciativa foron variopintas. No caso de Vanessa, explica, seguiu os pasos da súa irmá maior, que participou nunha das primeiras edicións. "Foi algo que me impulsou a seguir con atención. Axúdache moito máis no ámbito da oralidade, a non ter tanto medo escénico e a valorar a túa lingua".

Na final en Carballo o tema elixido era ‘Herdamos o galego. Temos que transmitilo’. O gran reto deste certame é que os participantes teñen que preparar dúas intervencións contrapostas, unha para defender a afirmación e outra para refutala, o que, admiten, significa, tirar de hipocrisía. "Hai que defender as dúas posturas, preparalo moi ben e nunha hai que facer un pouco o hipócrita ou defendelo demagoxicamente", apunta Pereiro.

"Este era un tema moi difícil, sobre todo para defender o non", admite. O escollido na semifinal en Pontevedra, ‘Vivimos nun sistema corrupto?’ "era moi bo". O ano pasado abordouse a polémica pregunta de se Ence debe marchar ou non da ría. "Había posturas para todo. O que consegues é que eles teñan un montón de información e, persoalmente, tomen unha decisión".

Son temas "potentes" e peliagudos que, non obstante a estes estudantes de 15 e 16 anos non lles quedan grandes. Nin de lonxe. "O positivo do club de debate é que nun ámbito de tolerancia e respecto cos outros institutos non só podes chegar a coñecer aos demais, senón que é positivo para a túa vida persoal e laboral. Máis aló de que teñas que defender posturas coas que non estás de acordo despois es capaz de asimilar os conceptos aprendidos e ter as túas opinións persoais. Iso é o positivo do club, máis aló do idioma", asegura Daniel Pais.

No tema da final galega foilles "bastante complicado" defender o non, unha complicación que se sumou ao "nivel moi alto" que viron nos seus contrincantes.

A igualdade, o feminismo, o racismo ou a homofobia son algúns dos temas que lles gustaría abordar en vindeiras edicións. "Socialmente están moi implicados".

Pereiro recorda que a actividade nace "como defensa da lingua galega", pero o profesorado do IES Luis Seoane valora enormemente que "un rapaz que é capaz de subir a un escenario, expoñer as súas ideas e debate con outra xente, non volve ter medo a falar en público. Iso é o que nos parece máis positivo. Perden o medo escénico". Os mozos están de acordo co profesor e, de feito, falan pola súa propia experiencia. "Eu era moi tímida e axudoume", di Vanessa. "Había que vela cando empezou e ao final, hai un cambio moi grande. É evidente", apunta Pereiro.

A preparación do debate tampouco se fixo nun día. "Foron moitas mañás e tardes de esforzo. E en vacacións. En Semana Santa abrimos o instituto dous días ás nove da mañá para traballar. E en Nadal para a primeira fase".

Proxectos. Non son poucas as veces que pensaron tirar a toalla, pero "os rapaces valoran moitísimo o traballo que se fai".

Antes de ensaiar as intervencións o básico é buscar a información sobre o tema de debate. Admiten que é difícil defender unha postura na que non se cre, aínda que, por outra parte, tamén serve para afondar noutros puntos de vista cos que a priori non estarían de acordo.

Os rapaces quedan calados cando se lles pregunta que opinan os seus pais sobre esta actividade. Non é que non se sintan orgullosos deste traballo, pero teñen medo de que lles faga deixar de lado os estudos. "Preguntan se damos feito con todo". "Ou din ‘cala xa, home, que levas falando en alto toda a tarde’", bromean. Pero están convencidos de que esta actividade lles axudará "moitísimo" no seu futuro, tanto na vida universitaria como na laboral. "No ámbito da oralidade sobre todo -apunta Daniel-, pero destacaría esa conciencia crítica que todos temos. Sacala a relucir e sacar o máximo dela". Ante as bromas dos compañeiros ("boing, boing"), agradece que neste instituto "si que desenvolvemos a oralidade, pero ás veces non se lle dá toda a importancia que ten".

O profesor apunta que "agora que está moi de moda iso de traballar por proxectos no ensino, aquí hai moitos anos que se leva traballando así moitas cousas e toda esta xente non só está no club de debate, senón nunha morea de actividades extraescolares e tiveron que facer traballos previos para presentar en Polonia nunha viaxe de intercambio" que durará dez días.

Espíritu de crítica e debate desde o instituto
Comentarios