"Esta aprendizaxe vaivos servir para construír un mundo mellor"

Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe co Plan Revitaliza ▶ Catro centros presentaron os seus proxectos

Escolares do CEIP A Reigosa, en primeira fila, durante o Congreso de Educación Ambiental. GONZALO GARCÍA
photo_camera Escolares do CEIP A Reigosa, en primeira fila, durante o Congreso de Educación Ambiental. GONZALO GARCÍA

Máis de 7.000 escolares da provincia aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ás actividades do Plan Revitaliza da Deputación, que este martes celebrou no Pazo da Cultura o III Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe. Esta cita serviu para poñer en común experiencias e proxectos seleccionados de entre todos os centros escolares da provincia que participaron na iniciativa. Foron Compositivamente, do CEIP A Reigosa (Ponte Caldelas), representado por cativos de Infantil e 1º de Primaria, e Impulsando a compostaxe, do IES Terra de Turonio (Gondomar).

En total participaron uns 150 estudantes, contando aos dos centros convidados doutras provincias: o colexio Divina Pastora (Ourense) e o CEIP Ría do Burgo (Culleredo, A Coruña).

Ecovixiantes do colexio ourensán Divina Pastora, no Pazo. GONZALO GARCÍA

"Que 7.000 rapazas e rapaces teñan participado nas actividades do Revitaliza xa é un éxito en si mesmo", asegurou a deputada Eva Vilaverde. Tamén agradeceu o labor de mestres e mestras dos centros de ensino por ser "pata fundamental dentro do sistema para conseguir unha sociedade e un futuro sustentable" e, sobre todo, aos escolares que participaron na iniciativa.

"Sodes importantísimos. Estades a funcionar de axentes socializadores da compostaxe, sodes fundamentais para concienciar á sociedade, ás vosas familias, á veciñanza e amizades. Ningún proxecto ou idea funciona se non se consigue implicación da xente, e no caso do Plan Revitaliza comezou a andar hai case catro anos e está funcionado máis rápido do que tiñamos previsto. Vós tedes unha importancia fundamental porque con estes proxectos que fixestes na escola informades e concienciades".

Pola súa parte, a tenente de alcalde de Pontevedra Carme da Silva asegurou que este congrseo vale para que os adultos "aprendamos do que facedes". "As persoas que co voso coñecemento ides empurrando de nós", destacou, asegurando que pola experiencia que hai en Pontevedra coa compostaxe "as persoas menores son as que tiran do resto para que fagan as cousas ben".

RESPONSABILIDADE. Así, felicitounos polo seu compromiso "para que poidamos vivir nun mundo mellor, porque sabedes como hai que facer as cousas e estades dispostos a aprender constantemente". Ademais, "esta aprendizaxe vaivos servir para construír un mundo moito mellor do que o estamos a facer agora as persoas adultas". O director do Ceida, Carlos Vales, subliñou que a xestión dos residuos é un problema que está en todas as sociedades do mundo e que son os políticos os que teñen a obriga de pensar como resolvelo, mentres a cidadanía ten a obriga de contribuír a resolvelo.

Deste xeito, os principais interesados en mellorar a situación ambiental do planeta deben ser os mozos, e lembrou á estudante sueca que provocou unha mobilización en toda Europa contra o cambio climático, farta de que non se fixera nada, Greta Thunberg. "Tedes que pensar e responsabilizarvos obrigándonos aos adultos a que o mundo non sexa peor. O esforzo que estades a facer de sensibilizarvos a través da vosa propia experiencia na compostaxe é moi importante porque vai servir tamén para contarllo a outras comunidades educativas que poden aprender de vós", destacou.