"Está nas nosas mans e temos que facer visible o talento das mulleres no ámbito cultural"

A Deputación asina a súa adhesión ao proxecto 'Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas', promovido por 'Clásicas y Modernas', e insta aos concellos a sumarse

Participantes no acto celebrado onte na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Participantes no acto celebrado na Deputación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Queremos ofrecer ás institucións unha ferramenta coa que poidan variar a situación actual e afrontar o reto e a obriga de acadar a igualdade no ámbito da cultura nun período de tres anos". Ese é, tal e como explicou a actriz e profesora de arte dramática Mariana Carballal, o principal obxectivo do proxecto Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas, promovido polo grupo galego da asociación Clásicas y Modernas e ao que se adheriu a Deputación de Pontevedra.

A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e de integrantes de diversos concellos e colectivos, escenificou esa adhesión cun acto celebrado no hall do Pazo Provincial. O eixo central foi unha "rompedora e feminista performance" por parte das promotoras galegas da citada entidade na que se puxeron de manifesto todos os esquecementos e desigualdades que sofren as mulleres na cultura.

Precisamente, Silva subliñou a necesidade "de comprometernos desde o eido local para impulsar a igualdade" e amosouse segura de que "imos ter que dar moitos pasos, pero o século XXI vai ser o das mulleres".

A presidenta animou "a que todos os concellos se sumen" a Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas e aposten por elaborar programacións culturais nas que "elas" teñan presenza. "Está nas nosas mans, non pedimos nada extraordinario", dixo, e puxo como exemplo a aposta da Deputación poñendo a María Vinyals como figura central da súa campaña de promoción da provincia pontevedresa. "Precisamos dar un paso máis e visibilizar o papel da creadora, da artista, porque aínda que non estamos nos libros, habelas hainas e con moita calidade", subliñou.

OBRADOIRO. Ademais, a institución provincial liderou un obradoiro de xestión cultural con perspectiva de xénero que se celebrou onte no edificio administrativo da Deputación. A sesión foi impartida por Concha Hernández, cualificada pola presidenta provincial como "unha gran muller, unha das nosas, unha desas mulleres que loita por todas as mulleres", dixo. 

Licenciada en Historia da Arte pola Complutense de Madrid, Hernández é directora de proxectos culturais da empresa municipal Promoción de Madrid, así como da revista Trabajadora, asesora cultural na Presidencia do Goberno de España, directora do Centro Cultural Conde Duque da capital do Estado (desde o que impulsou os festivais Danzamos e JazzMadrid), xurado do Premio Nacional de Danza, directora do festival Ellas Crean e, desde 2016, distinguida Cabaleiro das Artes e Letras do Goberno Francés pola súa "capacidade de entrega á cultura e o seu compromiso coas creadoras".