Oito establecementos de Pontevedra adheríronse ao Bono Cultura

O delegado da Xunta lembra que o prazo está aberto ata o 18 de novembro
Luis López (dereita) na presentación do Bono Cultura en Cronopios. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luis López (dereita) na presentación do Bono Cultura en Cronopios. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Na librería Cronopios, un dos oito establecementos de Pontevedra (91 en toda a provincia, 300 en toda Galicia) que se adheriron ata o momento ao programa do Bono Cultura da Xunta de Galicia, presentouse o luns esta iniciativa "impulsada para colaborar na reactivación do sector da cultura tras a parte máis dura da crise do covid-19". O Bono Cultura pretende mobilizar catro millóns de euros no que resta do presente ano, segundo lembrou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que convidou aos pontevedreses a "gozar da nosa cultura, beneficiándose destas axudas da Xunta".

Os establecementos, empresas ou axentes culturais interesados en adherirse á iniciativa da Xunta poden facelo ata o 18 de novembro, a través da web www.bonocultura.gal. "Poden inscribirse todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais, que desenvolvan a súa actividade en Galicia reunindo as condicións legalmente establecidas; os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, etc.) e os museos, tanto de titularidade pública como privada", indica a Xunta.

Ver máis | Consulta aquí a lista de establecementos de Pontevedra adheridos ao Bono Cultura

DESCONTOS DO 50%. No caso dos cidadáns que queiran beneficiarse dos descontos, deberán ser maiores de idade e residir en Galicia. Poderán inscribirse a partires do vindeiro luns, 1 de novembro, na mesma web www.bonocultura.gal. Deberán descargalo a partir desa data nesa web en formato dixital a través dun código QR e poderán gastalo ata o 31 de decembro, explica a Xunta. Terán descontos do 50% en cada produto cultural adquirido ata chegar a un máximo de 50 euros por usuario.

Os produtos susceptibles de descontos son formatos físicos de música e audiovisual, libros, videoxogos, entradas para cine, concertos, espectáculos escénicos ou institucións, como museos.

Comentarios