O estado de alarma dispara o tratamento dos biorresiduos nos composteiros

Os técnicos do Revitaliza cuantifican que o repunte chega ata cuatriplicar o lixo habitual nalgún centro de compostaxe
Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos no seu interior. DAVID FREIRE
photo_camera Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos no seu interior. DAVID FREIRE

Os composteiros comunitarios abertos á veciñanza de Pontevedra e O Morrazo están tratando entre o doble e o triple de biorresiduos durante o estado de alarma que nas semanas anteriores. Así o ten constatado o persoal técnico do Revitaliza da Deputación, que incluso cuantificou que nalgún centro de compostaxe se cuatriplicou a cantidade de lixo orgánico achegado pola cidadanía.

Segundo explica o vicepresidente, César Mosquera, o sistema provincial de compostaxe está a funcionar "francamente ben" a pesares do confinamento que, pola contra do que se poida pensar, está provocando que a xente "recicle máis e mellor".

Segundo apuntan os expertos, as velocidades de enchido dos módulos de achega do lixo véñense reducindo significativamente xa que hai máis volume de lixo orgánico diario. Isto tense constatado especialmente nas comarcas de Pontevedra e do Morrazo (nas outras áreas estase aínda a facer as medicións exactas), onde a orixe dos biorresiduos tense trasladado dos grandes produtores (restaurantes, cafeterías, bares... que están pechados), ás vivendas particulares.

O feito de que a cidadanía estea na casa e faga todas as súas comidas no domicilio -ademais da crecente afección pola repostería– incrementa significativamente os restos de alimentos e vexetais que tirar ao lixo.

Tamén é de destacar que as achegas realízanse perfectamente separadas, sen impropios doutras fraccións (plásticos, papeis, latas...). Isto leva a que nalgúns casos puntuais se chegue incluso a cuatriplicar o volume de restos orgánicos que están a recibir os centros de compostaxe, se ben a media está no doble.

Hai que lembrar que todos os CCC dependentes da Deputación están abertos e atendidos. Segundo o vicepresidente Mosquera, "estamos moi vixiantes deste aumento das achegas, porque estamos funcionando en servizos mínimos e pode haber tensións, pero está indo todo francamente moi ben", subliña, para insistir en que dende o Revitaliza a intención sempre foi que "se composte ben, non mal e sen control porque iso é malo para todos".

Segue o control telefónico dos individuais
En canto aos composteiros individuais (Coin), séguese a facer o control telefónico dos 5.750 que dependen do Revitaliza, un proceso que sustitúe ó control presencial que se viña facendo ata antes da pandemia. O Coin ten a vantaxe de que o usuario non ten que saír da súa casa-finca para levar lixo ao colector, xa que trata os biorresiduos dentro da súa propiedade, e permite levar o resto das fraccións máis espaciadas no tempo aos colectores, diminuíndo o risco de contaxio por non saír da casa.

Realízase unha chamada semanal por parte do persoal técnico e tamén de membros de Adega, Amigos da Terra e Fruga. Ademais de preguntar por situación persoal (saúde, contaxios), pídense datos de enchido, temperatura, estado do proceso, e danse indicacións de como realizar o mantemento.