"Estamos aquí grazas ao esforzo dos veciños que loitaron polo colexio"

A comunidade educativa do Ceip de Marcón celebrou un emotivo 25 aniversario do centro

Non pasaran nin dúas semanas de 1985 cando os veciños de Marcón ergueron barricadas nos accesos ao Monte Carrasco, a unha parcela cedida ao Concello para a construción dun novo colexio na parroquia e na que pretendían empezar os traballos para levantar un cuartel da Garda Civil. Despois de intensas mobilizacións, polémicas co alcalde da época –Rivas Fontán– e mesmo un mitin do secretario xeral do Partido Comunista, Santiago Carrillo, que elevou o debate ao Congreso, o pobo logrou o seu obxectivo.

En xaneiro de 1991 iniciáronse as obras do actual Ceip de Marcón, que entrou en funcionamento no curso 1991-1992 para acoller aos escolares desta parroquia e da de Tomeza.

Unha exposición lembra a historia do colexio, incluíndo a mobilización para evitar a construción dun cuartel da Garda Civil

A comunidade educativa celebrou este mércores o 25 aniversario e esta loita tivo o seu merecido protagonismo. "Grazas o esforzo dos veciños por conseguir que o colexio se construíra nesta parcela do Monte Carrasco", subliñou Juan Gestal, ex director do centro entre 2004 e 2013, na súa intervención, na que tamén lembrou o traballo dos seus antecesores e da súa sucesora, Carmen Lens ("o colexio non pode estar en mellores mans"). Da súa autoría é a exposición que repasa a historia do centro e que inclúe detalles da hemeroteca de Diario de Pontevedra. "A evolución do centro foi espectacular". De feito, recolle as melloras realizadas, como a dotación de comedor ("foi importante para aumentar a matrícula", que actualmente é de 181 alumnos), a nova biblioteca, o ximnasio ou o parque infantil.

A directora, Carmen Lens, subliñou que "ten que haber empatía e confianza entre as familias e o colexio", un feito que sí se dá en Marcón, como corroborou o secretario da Anpa, Óscar Coto, quen lle entregou como agasallo ao centro unha figura de Sargadelos Castelao. Tamén participou o alcalde, Fernández Lores, quen confía en que a súa neta, que nacerá nunhas semanas, sexa futura alumna do centro.

Os actos incluíron outra mostra, neste caso de fotografía que repasan a parte lúdica, como festivais de Nadal e Entroido, excursións ou magosto, e unha actuación dun grupo de música tradicional. Unhas 150 persoas participaron no xantar e xa pola tarde houbo xogos populares.

Comentarios