"Estamos orgullosos de que os nosos irmáns coñezan esta terra"

A presidenta da Deputación animou ós portugueses a descubrir as Rías Baixas na presentación da campaña turística en Lisboa
Presentación de 'Moito por descubrir' en Lisboa
photo_camera Presentación de 'Moito por descubrir' en Lisboa

O Centro Galego de Lisboa acolleu este martes a presentación da campaña turística Rías Baixas. Moito por descubrir, que promove a Deputación de Pontevedra. No transcurso do acto, a presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou sentirse moi emocionada por estar nun centro galego "onde tantos homes e mulleres que emigraron de Galicia deixaron un anaco de todos e todas nós alí onde se asentaron".

Silva, que estivo acompañada pola deputada de Xuventude, Digna Rivas; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; a concelleira de Turismo de Nigrán, Raquel Giráldez, e o concelleiro de Cambados Xurxo Charlín, destacou na súa intervención que Galicia comparte con Portugal moitas cousas "pola nosa proximidade ao océano Atlántico", polo que é un "enorme orgullo estar nesta cidade, que é unha das mellores de Europa e pola que moitos galegos nos sentimos moi atraídos".

Pola súa banda, o presidente da Casa de Galicia en Lisboa, Alvaro Moreira, agradeceu á Deputación de Pontevedra que escollera esta localización para presentar o destino turístico das Rías Baixas, animando a todos os presentes a visitalo. Carmela Silva mantivo que as Rías Baixas vincúlanse a miúdo coas súas preciosas praias e a súa exquisita gastronomía e apuntou que "as Rías Baixas son inmensamente ricas en atractivos e temos moitísimo que ofrecer as catro estacións e os doce meses", manifestou.

"Ao longo da historia os camiños foron un gran vínculo entre Galicia e Portugal e queremos impulsalo con máis forza"

EIXOS TURÍSTICOS. A responsable da Deputación resumiu a campaña de promoción en tres activos moi poderosos: os Festivais Rías Baixas, unha referencia cultural e musical xa consolidada; os seis camiños de Santiago que cruzan a provincia e a cultura do viño e o papel protagonista de Cambados, capital vitivinícola de Europa este ano.

Precisamente sobre o Camiño Portugués a Compostela, que é un eixo da campaña de promoción, Silva destacou as seis rutas que atravesan a provincia de Pontevedra e que cada ano percorren máis peregrinos e lembrou que a provincia comparte con Portugal o Camiño Portugués tradicional e o Camiño da Costa. "As Rías Baixas son o paso natural dos nosos irmáns portugueses cara a Santiago e estamos orgullosos de que coñezan a nosa terra, cultura e patrimonio. Ao longo da historia os camiños foron un gran vínculo social, económico e cultural entre Galicia e Portugal e queremos impulsalo con máis forza aínda", engadiu Carmela Silva.

Ademais das variantes do Camiño, a presidenta animou aos veciños lusos a achegarse ás Rías Baixas para gozar da música dos festivais porque "este ano, ademais, apostamos aínda máis forte porque pasamos de sete festivais a oito máis un. Nas Rías Baixas quen nos visita pode pasar todo o verán de festival en festival: desde o 30 de xuño ata o 9 de setembro temos cita practicamente todas as semanas. Cada festival é único e ten o seu estilo propio, pero todos eles celebran actividades para todos os públicos".

A presentación na Casa de Galicia en Lisboa concluíu cunha degustación de produtos da provincia de Pontevedra baseada nas propostas do festival VigoSeaFest, que organiza a Cooperativa de Armadores de Vigo, para a promoción de peixes pouco coñecidos a cargo do chef Adrián Albino, do restaurante Niño Corvo.

Comentarios