"Este 25 de novembro unímonos para berrar que nos queremos vivas!"

O Colectivo Feminista celebrou onte un acto simbólico e irónico no que invertiu os roles para subastar homes que se ofertaban para seren violados, abusados e mesmo asasinados

Poñer de manifesto as violencias ás que están sometidas as mulleres invertindo os papeis. Ese era o obxectivo do acto celebrado este domingo na Praza da Peregrina polo Colectivo Feminista de Pontevedra con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Ademais, as integrantes da agrupación leron un manifesto para reivindicar a vida das mulleres: "Hoxe unímonos para berrar que nos queremos vivas!".

As activistas da agrupación realizaron unha subasta simbólica de homes que se ofrecían para fregar, para seren violados, prostituídos e mesmo asasinados. "A Ezequiel ofrecémolo para prostituílo, así que ofrecan as súas poxas", berraba unha das activistas. "Pero farao a pelo, non?", "Non ten algún amigo?", "Está caladiño?", preguntaban entre público. Coa representación dunha poxa irónica de homes as integrantes do colectivo pretendían denunciar a cousificación das mulleres, así como os abusos que se exercen sobre elas. A posta en escea da dita subasta levantaba risos entre o público, mais a realidade é que, aínda que a situación semellase absurda ao falar de homes reducidos a obxectos, a performance denunciaba unha realidade estremecedora. Reflectíano os comentarios das feministas que poxaban. "Está ben, pero podería marcar algo máis os abdominais", comentaba unha ante un dos mozos que se ofrecían para obxectos sexuais. Ao mesmo tempo, as feministas deron algúns dos datos que reflicten a discriminación e a violencia que padecen as mulleres en todo o mundo.

Subasta simbólica de homes, na Praza da Peregrina, organizada polo Colectivo Feminista de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A representación do domingo formaba parte da campaña Ata fin de existencias, que denuncia a cousificación das mulleres, "que dehumaniza a toda a sociedade, converte aos homes en energúmenos e ás mulleres en cousas", explicou o colectivo no seu manifesto. Do mesmo xeito, enumeraron unha serie de medidas necesarias para erradicar a lacra da violencia machista. Dende o cumprimento das 214 medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia machista ata inclusión sistemática da educación sexual en todos os niveis do ensino para acabar coa cultura da violación e os roles sexistas ou a creación e fortalecemento dunha rede de Centros de Información á Muller (CIM) coordinados coa Xunta de Galicia.

O Colectivo Feminista de Pontevedra aproveitou a ocasión tamén para declararse abolicionista no que se refire á prostitución e aos ventres de aluguer, que responden á "cousificación e mercantilizaciñon do corpo das mulleres e, polo tanto, unha forma máis de violencia.Neste senso, reclamaron axudas e apoio ás mulleres tratadas e prostituídas para facilitar a súa inserción no mundo laboral.

Acto do 25-N, organizado polo Colectivo Feminista de Pontevedra na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O acto estaba convocado pola asociación pontevedresa pero ao mesmo uníronse representantes políticos de diferentes partidos. Deste xeito, entre o público atopábase a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, así como o deputado e maila concelleira socialista Guillermo Mejión e Paloma Castro; a número 2 de Marea Pontevedra, Teresa Casal; a concelleira de Ciudadanos, María Rey, e a deputada de En Marea, Ángela Rodríguez.

Clausura de Namórate de ti

Poesía, música e baile para pechar a exposición Namórate de ti que organizou o Concello na Casa da Luz. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - 25-N

Poesía, música e baile para pechar a exposición Namórate de ti que organizou o Concello na Casa da Luz. Aproveitando o 25-N, o Goberno local pechou esta mostra que buscaba empoderar ás mulleres mediante a fotografía cun acto alegre e reivindicativo.

Andaina e manifesto en Combarro

O Concello de Poio celebrou unha andaina contra a violencia machista que partiu de Lourido e rematou en Combarro coa lectura dun manifesto de repulsa ao maltrato. Os asistentes acudiron de loito ne lembranza das mulleres asasinadas.

Descuberta dun mural en Sanxenxo

Descuberta dun mural en Sanxenxo. GONZALO GARCÍA - 25-N

Un grupo de alumnos dos centros educativos de Sanxenxo acudiron este domingo á presentación dun mural conmemorativo do 25 de novembro. A obra foi exposta á porta do Concello e foi realizada polo alumnado durante as últimas semanas. Ao acto acudiu o alcalde da vila, Telmo Martín, e varios concelleiros.

Entrega dos Premios Lazo Violeta en Marín

Entrega dos Lazos Violeta en Marín. CHRISTIAN FERNÁNDEZ - 25-N

O Concello de Marín outorgou este domingo os Premios Lazo Violeta a persoas e entidades da vila que traballan a prol da igualdade. Neste sentido, foi galardoada unha familia da localidade que padeceu un episodio de violencia machista o pasado verán. Os recoñecementos entregáronse no Salón de Plenos do Consistorio coa presenza da Corporación Municipal.

Comentarios