"Este foi o primeiro ano do mandato de despedida de Lores da Alcaldía"

O alcalde e os membros do grupo de Goberno do BNG están traballando "desde a rutina e mesmo da preguiza mental", segundo Luís Rei. O voceiro de Marea bota en falta unha maior implicación da Administración local no fomento do emprego e na defensa dos servizos públicos
Luís Rey
photo_camera Luís Rey

Está convencido de que a Miguel Anxo Fernández Lores só lle quedan tres anos na Alcaldía. Luís Rei bota en falta o desenvolvemento de grandes proxectos.

Por que cre que Lores non vai estar á fronte do Concello o vindeiro mandato?
Porque xa leva 29 anos no Concello e 17 deles como alcalde, rodeado dun equipo que leva con el todo ese tempo. Iso fai que traballen desde a rutina e mesmo da preguiza mental, como se pode ver no Orzamento municipal e nos desafíos aos que lle fai fronte.

A que se refire?
A que eses Orzamentos obvian, en moitos casos, os problemas fundamentais dos pontevedreses e o grupo de Goberno do BNG os dedica a cuestións que pensa que lle pode dar réditos electorais.

Que valoración fai da transformación urbana?
Penso que a cidade non é só a sala de estar. Hai outros cuartos como o rocho, o faiado e o garaxe, é dicir, que esta cidade aínda ten pendente de resolver temas básicos como, por exemplo, non ter un urbanismo definido nun plan xeral que supere o do ano 1989, que xa está desfasado, e carecer de transporte urbano. Ademais, non está resolto o saneamento e a ría vese prexudicada pola presenza de Ence, que é un foco contaminante moi importante. En canto a política social, aplicando o indicador AROPE (de risco de pobreza e exclusión social), hay 17.000 persoas en Pontevedra que están en risco de exclusión.

Como está contribuíndo Marea dende a oposición para que o Concello afronte estes problemas?
Os situamos na axenda a través de mocións que presentamos e que foron debatidas nos plenos da Corporación municipal. Foron inicitivas como as do bonotaxi, comedores tanto escolares como o de San Francisco, os albergues... Son mocións que contaron co apoio dos demais grupos, mesmo en algúns casos do propio Goberno local, pero algunhas delas están pendentes de ser levadas á práctica.

Que valoración fai da política de promoción de emprego que impulsa a Administración municipal?
Aínda que esta é básicamente unha competencia do Goberno central e da Xunta, hai concellos que colaboran ao fomento do emprego. O de Pontevedra non se distingue precisamente por axudar dun xeito decidido polos emprendedores e facilitar que se asenten empresas para a creación de emprego.

"O Goberno do BNG no Concello de Pontevedra non actúa como unha forza de esquerdas"

Como valora este primeiro ano de Marea na vida municipal?
Cando chegamos ao Concello, hai un ano, viñamos co ánimo de traballar en beneficio da maioría social. En Pontevedra obtivemos un resultado electoral máis modesto que noutras cidades nas que candidaturas de confluencia similares á nosa tiveron respaldo suficiente para asumir o Goberno, polo que nos tocou desenvolver un papel distinto formando parte da oposición. Podería pensarse que por proximidade ideolóxica poideramos ter un entendemento maior co grupo de Goberno, pero non foi posible.

Cal cre que foi o motivo?
Que o Goberno do BNG en Pontevedra non actúa como unha forza de esquerdas e mesmo en puntos e liñas que constitúen sinais de identidade do Bloque no ámbito de toda Galicia, en Pontevedra as ten abandonadas. Por exemplo, hai unha cuestión que pode parecer anecdótica: o BNG está en contra das corridas de touros, pero en Pontevedra, disfrazado como unha cesión do uso dun espazo (a Praza de Touros), financia as corridas con preto de 50.000 euros cada ano. Ademais, o capítulo dos gastos, o máis importante do Orzamento (30 millóns de euros dun total de 70), vai para empresas que xestionan servizos básicos que podería asumir directamente a Administración municipal. Refírome ao abastecemento de auga, recollida de lixo, recadación, axuda no fogar, etc. O Concello non aplica políticas progresistas nin de defensa do público na maior parte dos casos, polo que é difícil que Marea chegue a un entendemento co grupo do Goberno do BNG.

Pensaba que ía ser máis fácil chegar a acordos?
Non. Marea elaborou un programa co que se presentou ás eleccións municipais e someteuno a consulta. Incluía unha serie de medidas que, en función de que fosen ben recibidas polo grupo de Goberno do Bloque, permitirían un entendemento. Pero isto no foi posible porque se renuncias a xestionar os servizos básicos e a que Pontevedra teña un sistema de transporte público -que non ten que ser igual ao das outras cidades- e se non hai ánimo de elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal é difícil que haxa entendemento.

Resultan efectivas as propostas que Marea presenta no Concello?
Levamos ao Pleno iniciativas moito máis efectivas que as que se estaban levando ata que chegou Marea ao Concello. Por exemplo, ante unha agresión como hai que entender á prorroga de 60 anos da permanencia de Ence na ría, nós propuxemos declarar ao máximo responsable desa decisión, Mariano Rajoy, persoa non grata. Ademais, grazas a que en todo este tempo foi calando na cidadanía unha alternativa global coas candidaturas de confluencia das mareas en Galicia, a través dos nosos parlamentarios presentamos unha proposición non de lei no Congreso, que saíu adiante, para anular a concesión da prórroga á empresa pasteira. Que iso se leve á práctica depende do novo Goberno que resulte das eleccións xerais do vindeiro 26 de xuño.

Que agarda para os tres anos que quedan do actual mandato?
Non teño unha bola de cristal para saber o que vai suceder, pero parece previsible un futuro inmediato da mesma rutina de traballo e de preguiza mental. O Goberno local fai pequenas cousiñas pero non se ven grandes proxectos. A nosa chegada ao Concello serviu para estimular aos demais grupos da Corporación, que agora toman máis en serio o labor propositivo.

Comentarios