Estes son os 5 proxectos preseleccionados pola incubadora GastroLab no CIFP Carlos Oroza

O vindeiro 14 de outubro darase a coñecer o proxecto gañador
Yoya Blanco e Eva Ballarín durante aa presentación dos proxectos preseleccionados do Gastro Lab. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Yoya Blanco e Eva Ballarín durante aa presentación dos proxectos preseleccionados do Gastro Lab. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un grupo de expertos conformado por representantes de diversas institucións e entidades económicas e académicas escoitou este luns no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza as exposicións realizadas polos promotores das cinco propostas preseleccionadas dentro da incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos GastroLab, impulsada dentro da iniciativa Pontevedra Capital Gastro.

Tras estas breves presentacións, os expertos volverán darse cita o 14 de outubro nunha gala final na que, unha vez pasen por un período de formación tutelado pola madriña Eva Ballarín, investigadora, divulgadora e Tourism & Horeca expert, escoitarán novamente as exposicións e darán o veredicto do proxecto gañador.

A sesión contou coa presenza da propia Ballarín, así como da responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a impulsora de Pontevedra Capital Gastro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, quen seguiron con moita atención tódalas intervencións expostas ante unha mesa composta por: Jorge Soto, vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra; o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; o presidente do Foro Empresa, Arturo Ramírez; a directora do colectivo de autónomos Ape, Sonia Acuña, e o director rexional da área de Galicia Sur de Banco Sabadell, Rafael Mato Fariña.

Tal e como precisou Yoya Blanco, "dos 10 proxectos presentados a esta convocatoria, había cinco que non cumprían cos requisitos, polo que quedaron outros cinco”, que son os seguintes:

  1. Ambrosías: Un establecemento hostaleiro no que a bebida sexa a protagonista e a oferta gastronómica estea supeditada a ela. Unha proposta na que xogaría un papel esencial a coctelería, clásica e creativa, e as misturas feitas con viños (sangrías, clericot, infusionados, especiados). Os viños galegos e os da IXP de Pontevedra terían relevancia.
     
  2. Hidroponia Galicia: Plantexa a posta en marcha dun invernadoiro de cultivo hidropónico nos arredores de Pontevedra co obxectivo de abastecer á canle Horeca e ao sector da alimentación. Con este proxecto crearíase un produto de proximidade, sen pegada de carbono e ecolóxico.
     
  3. Restaurante sobre o Lérez: O río é un dos maiores xeradores de riqueza, beleza e ademais dá orixe a unha das grandes marabillas de Galicia: a Ría de Pontevedra. A idea é recuperar o río como espazo da vida da cidade, polo que se quere construír unha plataforma sobre o Lérez con acceso peonil desde a beira e, sobre ela, un restaurante.
     
  4. Rutas 'O Río como Prato' (Ultramarinos). O proxecto ten como eixo central o desfrute do río como elemento de lecer e cunha finalidade gastronómica, a través de diversas rutas e eventos gastro.
     
  5. Spanishbox. A proposta consiste nun servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida española a domicilio. O alcance xeográfico sería a Unión Europea e os países do espazo Schengen, sen descartar nun futuro amplialo a outros continentes.

Ao remate das exposicións, Eva Ballarín destacou as enormes posibilidades duns proxectos que son capaces de maridar tendencias con características que os fan únicos e que permiten xerar sinerxías de negocio. 

Comentarios