'Estiu 1993' e Álvaro Gago para celebrar o Día del Cine Español no campus

Ciencias Sociais proxectará este xoves o filme de Carla Simón, seguido dun coloquio co ex alumno da facultade, que traballou na montaxe. A actividade é aberta ao público.
podiacine1 (1)
photo_camera Un fotograma da película de Carla Simón. DP.

Co gallo do Día del Cine Español, instaurado polo Consejo de Ministros o ano pasado, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle este xoves a proxección da primeira longametraxe da directora catalá Carla Simón, Verano 1993, segundo informou o Duvi. En todo caso, será a versión orixinal subtitulada, Estiu 1993. Fora estreada en salas en 2017.

A actividade completarase cun coloquio co cineasta e exalumno da facultade Álvaro Gago, que foi un dos montadores desta película gañadora de tres premios Goya.

"Adherímonos a esta celebración, que consideramos un día moi importante, porque somos unha facultade na que formamos futuros cineastas", salienta o vicedecano Paulino Pérez da incorporación da facultade á programación deste Día do Cine Español.

"Trátase dunha xornada dirixida a recoñecer o motor que representa esta industria para o país e para amosar que o cinema español está atravesando un momento marabilloso", engade sobre esta conmemoración. A actividade será aberta ao público e está programada para as 16.30 horas.

Verano 1993, a ópera prima de Carla Simón, foi premiada nos Goya, na Berlinale e no Festival Internacional de Cine de Buenos Aires

Segundo informou o Ministerio de Cultura, para esta conmemoración a Filmoteca Española puxo a libre disposición dous filmes, co propósito de que fosen exhibidos en institucións educativas, asociacións culturais e outras organizacións. Un deles é Verano 1993, a primeira longametraxe de Carla Simón, que recentemente era seleccionada para representar a España na próxima edición dos premios Óscar coa súa segunda película, Alcarrás.

Premiada nos Goya, na Berlinale e no Festival Internacional de Cine de Buenos Aires, Verano 1993 foi a seleccionada pola facultade, tanto polo interese “dunha película moi natural”, rodada en catalán e que narra a historia dunha nena de seis anos que afronta o seu primeiro verán coa súa nova familia adoptiva tras a morte da súa nai, como polo feito de que “temos a sorte de que Álvaro Gago participou na montaxe da película”, apunta Pérez.

Está protagonizada por Laia Artigas, Bruna Cusí e David Verdaguer.

UN EGRESADO TRIUNFADOR. Titulado en Comunicación Audiovisual. Gago atópase actualmente traballando na súa primeira longametraxe Matria, despois de que a curta co mesmo nome, que estreou en 2017, acadase máis de 70 galardóns, entre eles, o premio do xurado do festival de Sundance

No coloquio posterior falarase da montaxe, da dirección de fotografía e a dirección de actores

Deste xeito, a súa participación neste Día do Cine permitirá que a proxección en versión orixinal subtitulada de Verano 1993 (Estiu 1993) se vexa completada cun coloquio, moderado pola directora de arte e profesora asociada Ledicia Bellón, que permitirá afondar no propio proceso de traballo desta produción. “A idea é falar da montaxe, da dirección de fotografía, de aspectos relacionados coa dirección de actores, que eran tamén noveis, do valor de realizar películas independentes...”, salienta Pérez sobre a conversa que sucederá á proxección.