"O que fixemos foi aproveitar os vimbios para sacarlle a máxima rendibilidade ó Concello"

"Estou no máis doce da miña carreira, con máis proxectos que nunca"

Esta semana cumpriu 63 anos e a que vén entrará no ecuador do seu quinto mandato. Con —alomenos— dous anos máis como alcalde por diante, Miguel Anxo Fernández Lores (Sanxenxo, 1954) xa anunciou que optará a un sexto mandato. Exultante e orgulloso, fai balance e destaca o excelente intre que vive a cidade. "Hoxe todos queren ser de Pontevedra"
Fernández Lores nun momento da entrevista.
photo_camera Fernández Lores nun momento da entrevista.

MODELO URBANO, compostaxe, pinza, escrache ou Ferreiros son só algunhas das palabras clave dos dous primeiros anos do quinto mandato de Fernández Lores en Pontevedra. A piques de cruzar o ecuador -e de converterse en avó-, o alcalde asegura que vive un dos momentos máis doces da súa carreira política. "Case é un momento tocinillo de cielo, aínda que a min o que me gusta é o flan", bromea. "O que é certo é que estamos recollendo os froitos de moito traballo e somos un referente nacional e internacional".

Vén de chegar de Málaga de participar nun congreso de cidades intelixentes, esta semana recibiu a unha delegación de Braga interesada no modelo urbano e ten a cabeza posta na primeira misión comercial a México, que inclúe conferencias sobre Pontevedra na Universidade azteca.
Onte presentáronme como o alcalde de Pontevedra e o presentador dixo que somos premios ONU Hábitat, que inclúen 4.500 proxectos de 195 países de todo o mundo. E ademais diso somos premio de excelencia de deseño urbano de Nova York, premio de cidade intelixente de Hong Kong e premio da DGT de seguridade viaria. Non hai unha cidade no mundo que teña todo iso. A min non me deron iso de rebote por ter a alguén na Fegamp. Todo o contrario. Por iso ten máis mérito.

Que balance fai destes dous anos?
O balance destes dous anos é continuidade dos últimos dezaseis. A clave está en darlle a volta a unha situación global dunha cidade que estaba en decadencia, á que lle faltaba autoestima. Hoxe todo o mundo quere ser de Pontevedra. Esta cidade era un almacén de coches e entre todos convertémola no que é hoxe. Isto ten que quedar moi claro. Os veciños de Pontevedra son dunha pasta especial. Aquí houbo un equipo de Goberno cun proxecto de cidade e a valentía de levalo adiante, si, pero iso ten que contar cunha cidade activa, aberta e intelixente. Sen iso non funcionaría. Por outra parte, o diálogo é fundamental, e a participación tamén, pero logo están as responsabilidades. Ás veces sobrevalórase o consenso. Estamos consensuando todo o día e non facemos nada.

"Non son responsable de buscar onde meter as empresas, son responsable de quitalas cando non están ben"

Véselle moi contento.
O balance é positivo, estamos nun momento especialmente doce. Somos un referente mundial. Chámannos de cidades grandes, pequenas, de todos os continentes e mesmo de todas as cores políticas. Estamos falando dun modelo urbano que trascende da cor política. Na clave de todo iso está a recuperación do espazo público para o uso cidadán, a autonomía das persoas, a seguridade viaria, o cambio climático, o desenvolvemento económico autoxerado e o desenvolvemento de certas empresas arredor do modelo.
Unha das demandas principais da oposición é precisamente iso, que aquí non se xera emprego. Que si, que Pontevedra está moi bonita para pasear, pero para traballar? 
A responsabilidade dun alcalde ou dunha alcaldesa é facer política municipal. Mellorar a calidade de vida dos cidadáns, dar servizos... O que non podo é botarme ó lombo toda a situación económica dun país. Pero ademais é que é mentira. Hai a estupidez esta que che din algúns: "la ciudad está muy bonita pero no hay trabajo". E se estivera fea habería máis traballo? Cada administración ten a súa responsabilidade. Se hai un presidente da Xunta que ten que ordenar o territorio do país, ten que facelo. Quen é o responsable de buscar un polígono estratéxico para meter empresas? Eu non son. Eu son o responsable de quitalas cando non están ben. Nós estamos posicionando á cidade. Traballamos na procura dun turismo de calidade. Se ó mesmo tempo acompaño ás empresas, se colaboro coa Universidade, coa cultura, co Museo, se promovemos o Campus Crea... Imos no bo camiño.

"Non entendo como hai empresarios aquí que defenden a Ence, porque defenden cousas que a eles non lles dan"

Di que a súa obriga é quitar as empresas cando están mal.
É que logo están Ence e Elnosa detrás da oposición. Nós mantemos unha oposición clara e firme sobre a necesidade de deslocalización dunhas empresas que están mal situadas historicamente e, aínda por riba, agora tiveron as ‘santas narices’ de, alomenos a Ence, concederlle unha prórroga de sesenta anos, nun espazo natural que é único mundo. O que non podemos permitir é que cada vez que alguén pase pola autopista perciba ese cheiro, porque marcha para outro lado. Aquí hai algún que defende intereses privados que van contra o sentido común. É absolutamente todo ó revés do que están dicindo. Cando marchen esas empresas veremos como aumenta o traballo doutros sectores e ademais explosivamente. Mentres Ence e Elnosa estean na ría temos un cancro co que non hai nada que facer. Como dicimos iso a oposición di que nós estamos contra a industria, contra o traballo... Pero se hai empresas aquí que teñen máis traballadores que Celulosas desde que nós estamos no Goberno! Que eu non quero arrogarme que nós fixeramos iso, ollo, pero cando eu cheguei no polígono do Campiño non estaba máis que Reyes Hermanos. E Treves veu porque a trouxemos nós.

"A oposición é decepcionante. Igual pensan que poñen paus na roda, pero só son carabullos"

Esta semana manifestáronse as mulleres dos empregados e as traballadoras de Elnosa. E hai pouco protagonizaron un escrache preto da súa casa.
A postura do Concello está clara. Ademais, veñen manifestarse aquí cando nin sequera pediron a ampliación da concesión á Xunta. As normas son para todos exactamente igual e aquí hai un agravio comparativo entre estas empresas, que teñen dereito de pernada, e outros empresarios de Pontevedra que teñen que buscar a vida en polígonos industriais legais, pagando as súas taxas e cumprindo unha normativa. Non entendo como hai algún empresario desta cidade que defende a Ence, porque están defendendo cousas que a eles non lles dan. Eu non vou tirar a toalla ata que consiga recuperar a ría de Pontevedra. Outra cousa é que sexa ou non posible. Ademais é que estou convencido de que na medida que se traslade a outro emprazamento a ría se recupera e ‘explosiona’. Que tampouco creas que nos interesa que explosione demasiado, porque nós queremos un turismo de calidade en todos os sentidos: congresual, familiar, deportivo, cultural...


"Sería unha incongruencia gobernar no sentido contrario ó que eu me comprometín cos cidadáns"

Relixioso?
Logo viría o debate de se turismo relixioso ou non. Eu non quero un turismo masivo para Pontevedra, quero un turismo que goce da cidade, da gastronomía, do noso patrimonio e tamén das praias. Nese sentido, tivemos a iniciativa de facer Terras de Pontevedra e incluír ós concellos da comarca, de unificar os servizos turísticos e aumentar a relación con Vigo e co Salnés, porque somos unha illa marabillosa dentro dun contexto no que a xente se despraza.
A nivel político, estes dous anos de Goberno en minoría estanse caracterizando precisamente polos acordos entre a oposición. Esta mesma semana fixeron unha ‘pinza’ para a probar a renovación do Plan de Emerxencias.
As pinzas son un erro por parte deles. Paréceme absolutamente decepcionante a oposición. A min gustaríame ter unha oposición que me fixera pensar, pero non estas ‘chorradas’. Paréceme irrelevante. O que fan non é oposición. Igual pensan que poñen paus na roda, pero só son carabullos.

"Tito (Demetrio Gómez) é unha especie de todoterreo, con experiencia e capacidade para absorber máis cousas"

Non lle preocupa á hora de ter que aprobar asuntos relevantes, ou para eses casos, coma os orzamentos, conta cos ‘encontros ocasionais’ con Marea?
Podo entender que se houbese unha alternativa diferente se trate de buscar, pero sempre coa idea de mellorar o interese xeral, de traballar por algo positivo, pero intentar opoñerse ou non colaborar cun proxecto pioneiro como é a compostaxe, por exemplo, ou intentar empañar un modelo de cidade recoñecido e que funciona non ten sentido. Logo hai contradicións. Os grupos da oposición non se poñen de acordo para nada, pero si para ir en contra dun Goberno alternativo que eu creo sinceramente que está mellorando a calidade de vida dos cidadáns.
Non se lle pasa pola cabeza a posibilidade de chegar a un acordo para garantir a estabilidade?
Non. Sempre estivemos abertos ó acordo. Cando realmente os problemas son cuestións fundamentais no noso programa de Goberno. Nós presentamos un proxecto para esta cidade, que foi refrendado maioritamente, aínda que non fose maioría absoluta, polos cidadáns. Sería unha incongruencia gobernar no sentido contrario ó que eu me comprometín cos cidadáns. Hai quen di ‘nós non imos en contra de, nós imos botar unha man’. Pero iso non é o que estamos vendo.

"A compostaxe é como a peonalización. É unha decisión que está tomada. E valerá o mínimo posible"


Unha das queixas principais da oposición é o aluguer dos terreos da Canicouva para a construción dunha planta de compostaxe.
Se a pregunta é que vou facer co terreo da Canicouva... pois xa veremos. De momento temos a sorte de que hai unha comunidade de montes que está de acordo en que se fagan cousas diferentes no seu monte. É moi complicado sacar un tema destes adiante. Se non tiveramos un terreo onde facer a planta non poderiamos sacar adiante o proxecto. Igual conseguímolo dous anos antes ou despois do previsto. Estamos empezando con bases firmes, e vai levar catro, cinco ou seis anos de evolución. Ogallá nin sequera fora necesario facer a planta. E canto vai valer? Eu que sei! Valla o que valla. Co tema da compostaxe pasa igual. Que custe máis ou menos vai depender de como se faga a recollida, temos todo estudado. É unha decisión política que está tomada, como coa peonalización. Vai valer o mínimo posible e canta máis colaboración cidadá haxa, mellor funcionará.
Outro dos puntos de fricción coa oposición é o edificio de Ferreiros.
Iso foi unha ganga. Tiña un prezo de tres millóns e nós comprámolo por 1,2. Se fixeramos o que di a oposición en dez anos levariamos gastada a mesma cantidade e non teriamos nada. O edificio de Ferreiros está en plataforma única, entre o Chalé de Fontoira e o Concello. Ten moi bo emprazamento e os servizos precisos para acoller aos funcionarios.

Comentarios