Carmela Silva Rego | Presidenta da Deputación de Pontevedra

"Estou orgullosa do anterior Goberno, pero este vai ser aínda mellor"

Esta semana tomou posesión para iniciar o seu segundo mandato á fronte do Goberno provincial nunha nova coalición co BNG. A dirixente socialista analiza os retos do novo equipo, as iniciativas para os vindeiros catro anos, as propostas de relación cos concellos e coa Xunta e as súas expectativas de cara ás eleccións autonómicas do ano que vén

JAVI Entrevista a Carmela Silva
photo_camera Carmela Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Segundo mandato consecutivo, segundo pacto de Goberno co BNG… Desta volta que foi o que máis lles custou acordar?
Non houbo nada complicado. Levabamos catro anos de traballo conxunto cun proxecto moi meditado e elaborado e con moi boa relación. Eu téñolle moito aprecio a todos os deputados do BNG. Ademais os negociadores do acordo, David Regades e César Mosquera, teñen moita traxectoria política, así que foi moi fácil.

Anunciado o reparto de responsabilidades entre os dous grupos, unha das cuestións que máis chama a atención é a separación entre a área de Cultura, que a vai levar o PSOE, e o Museo de Pontevedra, que o levará o BNG. A que se debe?
O Museo é un dos máis importantes de España e o máis importante da provincia, así que ten presenza propia como para que haxa que adicarlle unha atención específica, ao igual que ao Arquivo e ao patrimonio construído, de maneira que esa organización ten moito sentido. De feito, se xa no anterior mandato o Museo tivo moita actividade, nos próximos catro anos esta ten que ser aínda máis decicida e entendo que o debe levar a área liderada polo BNG e en particular polo vicepresidente, César Mosquera, xa que está ubicado na cidade de Pontevedra e forma parte inseparable dela.

No seu discurso de investidura dixo que o medio ambiente vai ser un eixo clave do mandato, que medidas impulsará o Goberno provincial nese ámbito?
Xa impulsamos moitas: a compostaxe, que segue a ser fundamental, medidas de rexeitamento do plástico e moito traballo de concienciación. Pero sete millóns de persoas morren ao ano no mundo por contaminación, así que temos que tomar medidas contra as emisións. Terá moito que ver con noso modelo de tratamento do espazo público; hai que retirar os coches como elemento principal e non só nas cidades, senón tamén nos pequenos núcleos. Agora temos un área de Mobilidade Alternativa que vai dirixir o BNG e que está centrada en que os concellos poidan ter asesoramento e proxectos da Deputación para ir cara a ese novo modelo. Ademais, a ONU e a OMS están a poñer en marcha medidas ambientais centradas no mundo local e nós imos suscribilas todas e reunirnos cos concellos para que tamén as suscriban. Así mesmo, todo o que ten que ver coa contratación e cos procedementos administrativos, co modelo turístico e de economía, vai estar centrado na visión medioambiental, contando moito coa xente moza e tamén cos maiores, que son os que máis padecen os efectos da contaminación e teñen unha grande capacidade para concienciar.

Cales son os retos da Deputación para os vindeiros catro anos?
A grande prioridade é a igualdade e a loita contra as violencias machistas, pero temos outras grandes liñas ligadas á nova economía, con dúas patas principais: unha é a innovación e as novas tecnoloxías e a outra é o respecto ao entorno físico e patrimonial no que se desenvolven as empresas. Xa puxemos en marcha dous viveiros de empresas, coworkings, a rede Smartpeme, aceleradoras…, pero temos que potenciar ese esforzo. Igual que fixemos coa AECT Río Miño no territorio transfronteirizo, temos que levar ese modelo a outras zonas e facer paquetes de actividade económica ligada ao territorio en cada unha das comarcas, sobre todo no interior da provincia, e facelo da man dos sectores económicos. Miraremos moito cara aos fondos europeos para atraer recursos e, do mesmo xeito, o sector turístico é fundamental e tamén ten que ser sostible. Xa fixemos un plan estratéxico e nos próximos catro anos imos desenvolver un proxecto turístico centrado na internacionalización e na innovación pero tamén no respecto aos entornos e ás persoas que viven aquí todo o ano. Imos apoiar ao sector primario desde a innovación, porque o agro e o mar seguen sendo importantes e deben ser capaces de crear proxectos con máis valor engadido. Imos apoiar á industria, pero non podemos permitir que haxa industrias contaminantes, pois non son boas para o territorio nin para a saúde. E imos apoiar ás ‘pemes’, que son máis do 85% da estrutura empresarial, e para iso estamos estudando ordenanzas nas que se promove que toda a contratación estea moi dirixida a esas pequenas e medianas empresas, tentando que as que están aquí asentadas teñan, dentro da legalidade, a posibilidade de ser as contratantes coa Administración provincial. Seremos sustentables nos nosos procedementos administrativos, premiando ás empresas con salarios dignos, contratos indefinidos e que aposten pola igualdade. Imos ter moita relación cos colexios profesionais ligados ás STEM e coas asociacións tecnolóxicas para aproveitar o seu talento.

Un dos retos dos que falou na súa toma de posesión foi abrir o diálogo coa Xunta e traballar para traspasarlle servizos que está asumindo a Deputación e que, segundo afi rma o seu Goberno, son competencia autonómica (Príncipe Felipe, O Areeiro, a Escola de Cantería, etc.). Dicía tamén que espera que mellore a relación coa Xunta. Que pasos vai dar a Deputación para que iso suceda?
Voulle pedir aos deputados responsables deses servizos que vaian solicitando reunións cos conselleiros e leven datos e a lexislación na man para iniciar un diálogo. Unha vez que iso estea avanzado, poderemos ir o vicepresidente e máis eu sentarnos co presidente da Xunta para falar en serio dese tema. Pero non só espero que a relación vaia por ese camiño. Tamén espero lealdade institucional e reclamo que o señor Feijóo e o señor Rueda non sigan a ser a miña oposición. Teñen que exercer de presidente e de vicepresidente autonómico e tentar ter unha boa relación con todos os dirixentes das deputacións. Eu quero sentar con eles e dicirlles o que reclaman os alcades e alcaldesas: un fondo local incondicionado e con criterios obxectivos e que non haxa axudas dirixidas só a alcaldes do PP, que son os que están a recibir máis do 80% das subvencións da Xunta. Quero falar da situación das vías autonómicas, dos equipamentos sanitarios e educativos, porque hai que melloralos e modernizalos, de proxectos que poidesemos desenvolver conxuntamente e de solicitar fondos europeos comúns. E quero facelo desde a relación institucional e sen confrontación. Espero que sexa posile e espero tamén outra relación co grupo do PP na Deputación. Desexo un debate racional, con boas formas e que non se caia na descalificación dos catro anos pasados.

O ano que vén hai eleccións autonómicas. O secretario provincial dos socialistas dixo que o acordo PSOE-BNG na Deputación é a antesala dun pacto de esquerdas a nivel galego que permitirá desaloxar o PP do Goberno da Xunta. Vostede tamén o cre?
Todos os acordos a nivel local van favorecer, de cara á cidadanía, a imaxe de que estamos dispostos a gobernar e facerlle cara aos novos retos que ten Galicia fronte a un PP que está adormecido e non entende o que acontece. Hai un modelo moi claro, un discurso diferente por parte de todos os partidos de progreso en Galicia e temos que ser capaces de transmitirllo á xente. E para iso é imprescindible que non confrontemos entre nós e que amosemos que estamos dispostos a entendernos porque nos une Galicia, que asumimos ese reto defendendo os nosos proxectos políticos pero aparcando as diferencias e sendo capaces de poñer por riba de todo o interese xeral. Na Deputación somos un exemplo de Goberno único, con discurso conxunto e respecto mutuo.

E con esas premisas, ve a Gonzalo Caballero como o próximo presidente da Xunta?
Si. Eu creo que vai haber un Goberno aternativo. Dino as enquisas, que o PP vai perder a maioría absoluta en Galicia, por iso vexo tan nerviosos e tan imperativos aos membros do PP. Tiveron uns resultados terribles nas xerais, nas europeas e nas municipais e saben que o van ter moi difícil nas autonómicas.

Na Deputación houbo unha ampla renovación no Goberno provincial, no que de 16 integrantes só vostede, Mosquera, Font, Abelairas, Santos Héctor e Benítez repiten. Que espera que acheguen os novos deputados?
O núcleo duro do anterior Goberno mantense e moita da xente que non repite é porque agora son alcaldes e alcaldesas, como acontece con Digna Rivas en Redondela, ou teñen outras responsabilidades. Agora entrou un equipo potentísimo, de xente con traxectoria e experiencia en xestión, que vén aprendida, e tamén moito zume novo. Esa ligazón entre experiencia e xuventude fai que este sexa o mellor Goberno que tivo nunca a Deputación, estando eu orgullosísima do anterior. Ademais, en lugar de 14 somos 16, así que teremos aínda máis capacidade.

No grupo do PP a renovación foi total, espera que iso axude a mellorar a relación entre Goberno e oposición?
Si e de corazón. Os catro anos anteriores houbo momentos moi desagradables e o papel da oposición debe ser o control do Goberno, a proposta de alternativas e o debate de iniciativas e proxectos, non a destrución do Goberno. E unha proba de que a oposición foi mala é que se cambiou ao 100%; o propio PP recoñeceu pola vía do feito que aquel non era o modelo de oposición correcto. No Pleno de toma de posesión, o voceiro do PP, Jorge Cubela, dixo cousas que non se corresponden coa realidade e é bo que saiban que nas eleccións municipais o PSdeG consegiu ser a primeira forza na provincia co 38,33% dos votos e que, xunto co BNG, gobernamos a cerca de 700.000 persoas de pouco máis de 900.000 que hai na provincia. O PP pode ter máis concelleiros e dirixir máis concellos, pero eses concellos suman 200.000 persoas. Que analicen a realidade. Se son capaces de facelo, serán capaces de cambiar o modelo de relacionarse.

Precisamente Cubela pediu trato igualitario para todos os concellos, lealdade institucional e diálogo aberto con todos os alcaldes. Tómao como unha advertencia?
Creo que se equivocou, que pensou que estaba nun Pleno da Xunta de Galicia, porque o Goberno autonómico é o que realmente non inviste con criterios obxectivos nin claros en todos os concellos. Máis do 80% das súas subvencións son para alcaldes e alcaldesas do PP. Na Deputación non pasa iso, hai obxectividade. É máis, en Cerdedo-Cotobade, a pesar de que hai sentenzas que din que non hai que facelo, a Deputación sumoulle recursos atendendo á súa fusión ademais dos que lle corresponden por poboación, por núcleos e por dispersión. Mire se somos equitativos. E así o fixemos con todo: o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse, os recursos do IDAE para enerxías alternativas, o Musigal, as axudas para recuperación do patrimonio... E o señor Cúbela sábeo, pero esa é unha cantinela que inventou o señor Rueda, como a de dicir que non recibimos aos alcaldes, cando non hai ningún que non fose atendido por esta Administración provincial e se hai unha excepción todo o mundo coñece as causas. Eu nunca tiven ningún problema con ningún alcalde nin alcadesa do PP. Sempre me recibiron con respecto e me trataron con lealdade institucional igual que eu a eles. Pero as estruturas orgánicas e políticas e particularmente o señor Rueda mandan dicir cousas.

Que o Plan Concellos se vai manter xa o anunciou, vanse manter outros programas como o DepoRemse ou o Plan de Reequilibrio?
Os recursos son limitados. Nós temos arredor de 152 ou 154 millóns de orzamento e unha parte importante é para persoal, gasto corrente e mantemento de todos os equipamentos (incluidos os que lle queremos transferir á Xunta, cuxo gasto ascende a máis de 22 millóns de euros). Polo tanto, este ano puidémoslle adicar 43 millóns ao Plan Concellos. Sempre que temos a capacidade de dirixir máis recursos aos municipios facémolo e así o faremos tamén neste mandato para enfocalos a cubrir as demandas reais da poboación, para equiparar dotacións e equipamentos en todos os concellos, para recuperar o espazo público e tamén nos esforzaremos moito na captación de fondos europeos e recursos do Goberno do Estado.

O primeiro acto institucional deste mandato foi a visita do alcalde e de parte do Goberno local de Vigo. Ten iso algún significado especial?
Non e tampouco a calificaría como visita institucional. O alcalde de Vigo non puido estar na toma de posesión na Deputación por ter que asistir, como presidente da FEMP, a un acto co rei en Madrid, así que quixo vir ao día seguinte para facerlle un recoñecemento a este Goberno e a min como presidenta. Ademais, nove dos trece deputados que ten o PSOE son do partido xudicial de Vigo. Eu agradezo a súa visita e tamén me quero reunir inmediatemente co alcalde de Pontevedra e logo imos convocar a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes para plantexarlles cales queremos que sexan as liñas e que correponsabilidade lles propoñemos. Voume reunir cos 61 alcaldes, cos que quero ser moi respectuosa.