As estradas provinciais aspiran a ser un referente internacional

A Deputación de Pontevedra ten o compromiso de manter un gasto mínimo anual de 18 millóns de euros
Una carretera de la red provincial. DP
photo_camera Unha estrada da rede provincial. DP

A Deputación de Pontevedra presentou este martes o Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030, un documento no que asume o compromiso político e técnico de afondar no modelo provincial no marco da Axenda 2030 da ONU. A presentación foi feita polo presidente en funcións, César Mosquera, e o deputado de Infraestructuras e Vías Provinciais, Gregorio Agís, que identificaron 28 liñas de actuación e asumiron a resposabilidade de completar o traballo iniciado en 2015 durante os próximos oito anos.

Gregorio Agís e César Mosquera. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Gregorio Agís e César Mosquera. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Plan Estratéxico busca establecer un financiamento estable para completar a transformación de toda a rede provincial que conta con 1.625 quilómetros repartidos en 368 estradas, o que supón unha lonxitude un pouco inferior aos 1.801 quilómetros que suman as redes autonómica e estatal na provincia. Gregorio Agís apuntou que a Deputación inviste actualmente 18 millóns de euros nas súas infraestruturas de comunicación "e con este plan comprometémonos a un gasto mínimo anual dese mesmo importe nos oito anos".

O presidente da institución subliñou que dentro dese importe anual inclúense todas as obras, pintados, sinalizacións, rozas e pavimentos, que serán universais e sistemáticos. Ademais, Mosquera dixo que nas actuacións de mellora e urbanización dos concellos hai unhas condicións claras, acordos nos que os gobernos locais deben achegar entre un 20% e un 30% do financiamento xunto cos terreos. "Non hai unha obra que se propoña, na que o concello cumpra, e que estea parada pola nosa parte. Se está todo, para adiante!", declarou.

César Mosquera asegurou que este plan é un referente internacional no eido da mobilidade. "É moi difícil acadar unha posición de referencia, que é o que pretendemos consolidar con este plan que sistematiza e dá perspectivas de futuro cos criterios que se viñeron traballando ata o de agora. Trátase de facer máis e mellor, e de ser exemplares: que cando se faga unha actuación deixe contento a todo o mundo", resaltou. O presidente tamén quixo remarcar que a Deputación de Pontevedra foi a primeira do Estado que puxo redutores de velocidade no 2005, sendo pioneira á forza pola alta cifra de sinistralidade que había por aquel entón.

Os criterios do plan son claros e para todos os concellos, dependendo das necesidades e sen predilecións

Por outra banda, Agís falou do cambio radical que viviron as estradas da provincia dende o 2015 e todo o traballo feito no plano normativo que deu coma resultado este Plan Estratéxico. "Asumimos un compromiso de futuro e de primeiro nivel para que a Deputación siga a ser previsible en materia de Infraestruturas sen ocorrencias nin predileccións". O deputado fixo fincapé nos puntos clave do plan, como son, os principios de transparencia, a solidariedade interterritorial, a visión de xénero, a sustentabilidade e o futuro. Todo isto co obxectivo de que as estradas provinciais contribúan tamén a mellorar a calidade de vida e se reforcen coma un modelo de convivencia aliñado coa Axenda Urbana e a Axenda 2030.

Entre outros obxectivos, Agís destaca a loita contra a despoboación, atendendo cos mesmos criterios ás 368 estradas provinciais que vertebran a provincia, incluíndo aquelas que teñan unha menor afluencia de tráfico rexistrada, "para que ninguén quede atrás". Segundo o deputado de Infraestructuras "este Plan non entende as estradas provinciais coma vías que comunican o punto A co punto B, senón como un continuo edificado, con xente vivindo ás beiras, onde hai patrimonio histórico e artístico e tamén espazos de interése natural". Un documento, engadiu, redactado tendo en conta a dispersión xeográfica de Galicia.

Por último, ambos deputados fixeron referencia aos datos do estudo estadístico sobre a sinistralidade que tamén se recolle no documento e que amosa unha redución sistemática no número de accidentes ao longo dos últimos anos en consecuencia ás actuacións de mellora das seguridade viaria realizadas "e que queremos seguir reducindo".

Liñas de actuación e medidas
O plan establece unha serie de liñas de actuación e medidas identificadas. Entre elas inclúense a transformación de tramos urbanos e rururbanos para facelos autoexplicativos, garantir límites de velocidade seguros, crear e mellorar os itinerarios peonís e ciclistas, implantar marxes seguras, mellorar a mobilidade en contornas singulares como son centros educativos, centros de saúde, etc..

Este plan tamén pretende mellorar puntos singulares de fluxos peonís e ciclistas transversais (Camiño de Santiago, acceso a praias, acceso a equipamentos...), busca conservar a rede viaria e garantir a seguridade dos camiños escolares. Crear estradas 2-1 nas que se reduza o risco de atropelo, mellorar as paradas de autobus e as infraestruturas que conectan núcleos e vertebran o territorio.

Tamén aposta por actuar en estradas con alta afluencia de ciclistas, reducindo o risco por sinistralidade. Instalar pavimentacións sostibles, mellorar o guiado e a circulación, adecuar as interseccións, reestudar a consistencia básica das estradas para adaptalas á contorna atravesada. Por último estas medidas están na procura da dixitalización e electrificación das infraestruturas.

Comentarios