Tres estrelas Michelin cociñarán co alumnado de Campolongo

As xornadas gastronómicas para darlle vida á colleita da Horta Viaxeira contarán tamén con outros dous chefs de Pontevedra
undefined
photo_camera A PonteVan do Carlos Oroza na primeira xornada das actividades. D.F.

Tres estrelas Michelin como Yayo Daporta, Pepe Solla (Casa Solla) e Iñaki Bretal (Eirado da Leña) sairán das súas cociñas para participar nunha iniciativa da ANPA San Xosé do CEP Campolongo na que os escolares se converterán na súa mellor axuda. As xornadas contarán tamén con outros dous cociñeiros de gran renome en Pontevedra: Francesco Iannelli (Il Piccolo) e Carlos Barreira (Bocarte).

Trátase da actividade Horta Chef, que comenzara hai dúas semanas coa colaboración do CIFP Carlos Oroza, que trasladou ao colexio a súa food truck PonteVan para cociñar co alumnado de segundo, e que continuará esta semana. Este luns foi a quenda de Iannelli co alumnado de terceiro de Primaria e de Barreira co de cuarto. Este martes cociñará Yayo Daporta. A actividade retomarase o luns 21 de xuño. Farase por aulas para respectar os grupos burbulla.

Verónica Conde, presidenta da ANPA, explica que a iniciativa naceu co obxectivo de "darlle remate á horta viaxeira", unha proposta para a que contan coa colaboración da Federación de Veciños Castelao, que lles cedeu unha das leiras que teñen na horta urbana a carón do río Gafos, e na que participan doce clases este curso. Trátase dunha actividade extraescolar —aínda que os titores colaboran xestionando as mochilas en horario escolar— na que participan familias enteiras. Os participantes levan para a casa unha mochila con ferramentas, instrucións, e as chaves da horta para que durante a semana que lles toque acudan á beira do Gafos a traballar a terra.

A actividade Horta Chef comenzara hai dúas semanas coa colaboración do CIFP Carlos Oroza

COLLEITA. Deste xeito, o propósito era pechar o curso cociñando a colleita, aínda que, admite Conde, "realmente só temos leituga", polo que os cociñeiros achegarán a súa propia materia prima para preparala e que os escolares teñan unha merenda moi especial. Na horta hai plantados tamén tomates, porros, pementos, repolo, lombarda, cenoura, canónigos, remolacha e aromáticas como caléndula, menta e perexil.

Pese a que a marxe era escasa, os chefs participantes aceptaron encantados a proposta e outros cos que contactaron lamentaron non poder colaborar por problemas de axenda. "A verdade é que nos quedou un súper cartelazo". Nel inclúese tamén á xente do Carlos Oroza, que deixou "encantadísimos" os rapaces de segundo, e tamén ás familias.

Agora falta que se animen a pasar pola horta durante as vacacións "para recoller a colleita", porque a maioría dos produtos chegarán en agosto, "e tamén para que non quede a monte de cara ao curso que vén".

Comentarios