"O estudantado debería estar no centro da Universidade"

Marina Coego e Pablo Abelleira estrearanse como representantes estudiantís no Claustro da UVigo ▶ "Falta democratización", subliñan
Abelleira e Coego diante da Facultade de Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Abelleira e Coego diante da Facultade de Ciencias Sociais. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

Marina Coego e Pablo Abelleira –baixo o paraugas de Erguer– son, xunto a Alejandro Virgós, os estudantes elixidos nas urnas para representar á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no Claustro da Universidade de Vigo os vindeiros dous anos. A pesar de que os comicios foron o mércores, non está previsto que se coñeza ata este venres o resultado completo das votacións, pero si trascendeu este xoves a relación dos 41 estudantes, elixidos, once deles de catro centros do campus de Pontevedra.

Alumna de 1º de Publicidade e Relacións Públicas, a poiense explica que se animou a presentarse porque "é moi importante que haxa representación do estudantado", mentres que o pontevedrés, en 2º de Dirección e Xestión Pública, admite que os cargos de representación son "un gusto" para "darlles voz a todas as persoas que non entran directamente nestes órganos de goberno ou non queren facelo". Con ampla experiencia no Consello Escolar do seu antigo instituto, o IES Luis Seoane, tamén forma parte da Xunta de Facultade.

Dáse a circunstancia de que cando rematen os trámites para que a institución se divida en dúas (facultades de Comunicación e de DXP) Coego representará á primeira e Abelleira á segunda.

Dous dos tres representantes de CC SS no Claustro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Dous dos tres representantes de CC SS no Claustro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 

QUE DEFENDEN? As súas ideas sobre o que debería ser o centro no que estudan están moi vencelladas á liñas básicas de Erguer, "en canto a lingua e igualdade de xénero, e tamén en canto a democratizar moitísimo máis a Universidade... Temos un dinosaurio e un sistema de funcionamento moi anticuado, peor aínda que a burocracia en xeral", considera Abelleira. "Custa moito facer cousas que deberían ser moitísimo máis áxiles".

"E incluír ao estudantado nas decisións que se tomen na Facultade", apunta Coego, quen admite que son "a maioría silenciosa". É algo que se deixa ver "en que somos o sector C, cando o centro da Universidade debería ser o alumnado". Por iso lamentan a baixa participación do alumnado, un dato que nin sequera contan coñecer polo complicado do sistema. "Si sabemos que participou máis xente que nas eleccións á Reitoría", e nese caso apenas o fixo un 4,75% do alumnado. "Non ten esa cultura democrática", lamenta a estudante.

"As eleccións enfocáronse completamente ao Reitorado. Mesmo nas redes [da UVigo] non se falou nada das eleccións o claustro"


Dúas das liñas básicas que mencionaron, a lingua e a igualdade de xénero, figuran tamén no programa do reitor electo, Manuel Reigosa. "Polo menos estanse facendo certos avances -aplaude Abelleira-. Eu son moi fan da escoita activa, ver que propón e que podemos propoñer nós. Para iso serve o claustro, para escoitar todas as opinións. Haberá que seguir avanzando tanto en lingua como en igualdade".

Non obstante, admite que hai outras cuestións nas que diverxen sonoramente. "Botamos en falta máis enfoque cara ao alumnado. Eu estiven na presentación da candidatura aquí e dedicoulle unha soa diapositiva ao alumnado, o resto era todo sobre asuntos de catedráticos, que aquí nin sequera temos". Deste xeito, "demóstrase que o alumnado non está no centro da universidade e a docencia debería ser o imprescindible".

"Consideramos que as eleccións se enfocaron completamente ao Reitorado -lamenta Coego-. Mesmo nas redes sociais [da UVigo] non se falou nada das eleccións ao Claustro". Por iso insisten na necesidade de democratización. "O Claustro -apunta o seu compañeiro- debería ser o principal órgano de representación da Universidade e quedan ocos baleiros nas bancadas do estudantado. Moitos nin sabían que había eleccións".

Alumnado implicado nas eleccións ficticias dunha materia de Publicidade, en CC SS. DUVI
Alumnado implicado nas eleccións ficticias dunha materia de Publicidade, en CC SS. DUVI


A "COINCIDENCIA" COAS ELECCIÓNS FICTICIAS DUNHA MATERIA DE PUBLICIDADE PROVOCA CONFUSIÓN E ENFADO

"Non se pode facer este tipo de actividades no medio dunhas eleccións reais". Coego e Abelleira non ocultan o seu enfado pola coincidencia no tempo e lugar da última xornada de campaña electoral á Reitoría e ao Claustro, e tamén da xornada de reflexión e votación, coa campaña das eleccións ficticias que cada ano se organizan en Ciencias Sociais e á que se presentan catro formacións, tamén ficticias: El Publicista, Patrones, Pasión de Facultades e o Partido Polítiko.

Trátase da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do grao de Publicidade. É por iso que o vestíbulo da facultade está tomado por toda parafernalia vencellada a un evento deste tipo. Hai mesas, paneis, carteis electorais, todo tipo de material gráfico e mesmo comida, que nunca falta, para ofrecer aos compañeiros aos que se lles pide o voto para o vindeiro 12 de maio.

Esta actividade adoita desenvolverse no mes de abril, pero este ano atrasouse. "Foi unha decisión do decanato e do profesorado desa materia e facelo coincidir cunhas eleccións reais causou moitísimos problemas de comunicación", denuncian os estudantes electos no Claustro.

"Nós estabamos facendo campaña e preguntábannos de que partido eramos. Non, non, somos das eleccións reais!, tiñamos que contestar". De feito, "incluso a nivel físico non se vían as urnas e  propio día da votación houbo que mover unha das mesas destes partidos para poñer as urnas reais. Nesta facultade tivemos bastantes problemas por esta coincidencia".

Coego e Abelleira matizan que "valoran" esta actividade dentro do ámbito docente, "pero non no medio dunhas eleccións reais", sobre todo porque, consideran, non lles tería suposto ningún contratempo programala para iniciar esa campaña ficticia o 5 de maio e así non ter interferido nos comicios reais. "Só eran tres días e aforraríanse moitos problemas".

 

Pablo e Marina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Pablo e Marina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 

QUEN SON OS ONCE ESTUDANTES DO CAMPUS CUN POSTO NO CLAUSTRO?

Facultade de Belas Artes *
Íñigo Barreiro Campos (13)
Mª Ángeles Corredoira Díaz (13)

Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte *
Carmen Maciñeiras Otero (41)
Sara Álvarez Cerviño (30)
Iván Vicente Simal (27)
Alberto Rivas de Jesús (25)
Carlos González-Redondo Rodríguez (22)

Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación *
Marina Coego Pérez (37)
Pablo Abelleira Acebedo (28)
Alejandro Virgós Soto (15)

Facultade de Fisioterapia *
Ana Mangana Molina (59)

*(votos recibidos)
 

Comentarios